Os deputados do PP provincial visitaron a parcela do Saviñao destinada á residencia
O Grupo Provincial Popular pregunta ao Goberno provincial que vai facer coa parcela que tiña que albergar a residencia do Saviñao, un compromiso adquirido hai 14 anos, e da que "a día de hoxe nada se fixo".
Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao alcalde da localidade, Carlos Armesto, e varios concelleiros visitaron esta parcela e constataron “o abandono do goberno de PSOE e BNG a esta parcela e ao proxecto”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que o compromiso da Deputación de Lugo con todos os veciños do Saviñao vén do ano 2010 (asinado oficialmente en xaneiro de 2011). A residencia construiríase nunha parcela sita no casco urbano e que se adquiriu a través da extinta SUPLUSA.
Ameijide explica que no vindeiro pleno se preguntará ao goberno provincial que pensa facer con esta parcela xa que “tela abandonada non é unha solución polo que tanto PSOE como BNG deben dicir que pensan facer con ela para o seu aproveitamento público en beneficio dos veciños e veciñas”.
Neste caso, trátase dunha leira de máis de 8.000 metros cadrados en Escairón, a capitalidade do municipio, que podería estar ofrecendo un servizo público. O estado desta parcela sen rozar nin coidar no centro urbano é un exemplo máis do “abandono do patrimonio provincial por parte do goberno de PSOE e BNG. Outra evidencia desta situación na Ribeira Sacra son as intransitables estradas provinciais que xeran mala imaxe dun territorio que aspira a ser Patrimonio Mundial e, o que é máis grave, poden chegar a ser un perigo para veciños e visitantes”.