Os deportistas non federados de Monforte poderán utilizar de novo as instalacións deportivas municipais

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte abrirá o vindeiro luns 9 de maio as suás instalacións deportivas municipais para que poidan desfrutar delas os deportistas non federados, algo que non sucedía dende o inicio da pandemia.
campo futbol luis bodegas monforte
8 Maio 2022

O Concello de Monforte abrirá o vindeiro luns 9 de maio as suás instalacións deportivas municipais para que poidan desfrutar delas os deportistas non federados, algo que non sucedía dende o inicio da pandemia.

Así o sinalou o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen vén de informar que dende o Concello se volven a ofertar as instalacións deportivas municipais para deportistas non federados, “algo que xa era posible antes do peche das instalacións deportivas por mor da pandemia da Covid-19 e que contaba con gran aceptación por parte da cidadanía”.

Así, dende o vindeiro luns 9 de maio o campo municipal de fútbol Luís Bodegas e o Pavillón Municipal da Pinguela poderán ser alugados por parte de persoas ou agrupacións de persoas para a práctica de deporte de tempo libre, sen necesidade de pertencer a un club deportivo ou de ter licenza federativa dalgunha modalidade deportiva.

O 14 de marzo de 2020 decretouse o Estado de Alarma motivado pola pandemia do Covid-19 que supuxo, entre outras cousas, o peche das instalacións deportivas.

“Unha vez se comezou a recuperar certa normalidade”, subliñou o alcalde, “fomos abrindo paulatinamente as instalacións deportivas municipais, dacordo coas indicacións sinaladas polas autoridades sanitarias e nas que se priorizaba a práctica de deporte federado”.

“A día de hoxe, tras a volta á normalidade, dende o equipo de goberno de Monforte consideramos que é o momento de recuperar o aluguer das instalacións deportivas para a práctica de deporte de tempo libre e non federado por parte dos veciños e veciñas que así o desexen”, destacou José Tomé.

Esta posibilidade está establecida no “Regulamento de uso, reserva e aluguer de Instalacións Deportivas Municipais do Concello de Monforte” publicado no BOP Nº 190 do xoves 20 de agosto de 2020, que no seu artigo 16.2 regula o xeito de alugar unha instalación deportiva para a práctica deportiva non organizada.

RESERVAS A TRAVÉS DE WEB OU APP

Tal e como se establece en dito regulamento, a reserva de instalacións para a práctica deportiva non organizada realizarase obrigatoriamente a través da plataforma de reservas online habilitada na páxina web do Concello de Monforte. Tamén se pode facer a través da app Sporttia, dispoñible para Android e iOS.

As instalacións deportivas ofertadas para o seu aluguer son o campo municipal de fútbol Luís Bodegas, en horario de luns a venres non festivos entre as 17:30 e as 22:30, e o Pavillón Municipal da Pinguela, de luns a venres non festivos entre as 16:00 e as 22:30 h.

TARIFAS

As tarifas polo aluguer dos diferentes espazos deportivos, son as seguintes:

  • Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas:
    • Campo de Fútbol 7: 15,45 € / hora
    • Campo de Fútbol 11: 30,90 € / hora
  • Pavillón Municipal da Pinguela:
    • Cancha completa: 12,36 € / hora
    • Media cancha: 6,18 € / hora
0.12817597389221