Os concursos de Entroido do Concello de Monforte terán premios de ata 18.000 euros

RibeiraSacraXa
Queda algo máis dun mes para o Entroido 2023 e o Concello de Monforte xa aprobou as bases que van regular as actividades e concursos deste evento, que contará con premios de ata 18.
13 Jan 2023

Queda algo máis dun mes para o Entroido 2023 e o Concello de Monforte xa aprobou as bases que van regular as actividades e concursos deste evento, que contará con premios de ata 18.000 euros, coma o ano pasado.

Neste senso, o pasado ano, no que se recuperou a actividade logo do parón propiciado polo Coronavirus, o Concello incrementara o importe destes premios en 4.900 euros máis con respecto a 2020 (un 37,40% máis), ano en que se repartiran 13.100 euros en premios.

Os concursos deste ano son o de Xoves de Compadres, que terá lugar o vindeiro 9 de febreiro, o concurso de Xoves de Comadres, que se celebrará unha semana máis tarde, o 16 de febreiro, e o Desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido, datado para o 21 de febreiro.

Os interesados poden inscribirse nos concursos no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica do mesmo. No caso do Xoves de Compadres, o prazo está aberto ata o 8 de febreiro ás 14.00 horas, no do Xoves de Comadres, ata o 15 de febreiro ata as 14.00 horas, e para o Desfile de comparsas e disfraces, o derradeiro día para poder inscribirse será o 16 de febreiro ata as 14.00 horas.

Ademais destes concursos, entre os eventos festivos programados para o Entroido monfortino tamén se atopa o Enterro da Sardiña, para o 22 de febreiro, un día despois do Desfile.

Concursos do Xoves de Compadres e de Comadres

Tanto para o concurso do Xoves de Compadres como para o de Comadres, a Concellería de Cultura de Monforte ten previstas tres convocatorias.

Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na Praza de España.

Á hora de decidir os gañadores teranse en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social. Cómpre destacar que cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10 % e a máxima será do 25 % do total da puntuación.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido en Monforte será o martes, 21 de febreiro a partir das 17.00 horas, que sairá desde a Estación.

O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte e outra para disfraces e comparsas de fóra da cidade.

A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes pode chegar ós 1.100 euros e no caso das que sexan de fóra ascenderá a 400 euros.

Por outra parte, haberá premios de 125 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escena, a mellor música en vivo, o mellor humor e a mellor crítica de actualidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16034603118896