Os comerciantes de Taboada apostan pola dixitalización dos seus negocios

RibeiraSacraXa
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio asinou un convenio para dotar aos socios dunha plataforma de venda online de balde
taboada
17 Feb 2021

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA) vén de asinar un convenio coa Asociación de ámbito autonómico Emprende, Valoriza e Compite (ENVACO), para que os seus socios poidan dispoñer dunha plataforma de venda a través da rede durante un ano e sen custo algún.

Así, a través deste acordo, os empresarios e comerciantes de Taboada terán acceso ao portal de comercio rural RuralSELL, de balde durante o primeiro ano e con un desconto do 50% para as seguintes anualidades.

RuralSELL é a plataforma de vendas central impulsada por Envaco, desde a que os distintos negocios poden vender, subastar ou ofertar os seus produtos e servizos a través dunha sorte de tenda independente.

Coa sinatura deste acordo, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada pretende favorecer a dixitalización das empresas e comercios locais como alternativa para facer fronte ás dificultades derivadas da actual situación sanitaria.

A directiva de Acimta, renovada a mediados do pasado ano e con Tamara Castro á fronte, é especialmente dinámica e ten entre os seus principais obxectivos dar visibilidade a Taboada dentro do mapa da Ribeira Sacra e potenciar os recursos da zona e dos diferentes sectores que compoñen a economía local, apoiando tanto aos negocios existentes como aos novos emprendedores que desexen instalarse en Taboada para a posta en marcha de novas iniciativas.

0.19747304916382