Os circuítos teatrais promovidos pola Deputación comezarán no verán
A Deputación de Lugo traballa na definición dos circuítos de teatro afeccionado e profesional para comezar coas actuacións de cara ao verán. Así, confirmouse que se volverá crear un catálogo de obras e grupos para ofrecer as súas actuacións a concellos e asociacións.
Programaránse preto de cen actuacións de grupos afeccionados e profesionais cun investimento de 100.000 euros, “uns recursos que ademais de contribuír directamente á dinamización cultural das comarcas e concellos son un incentivo para a formación e a compra de equipamento técnico por parte dos grupos teatrais”, din dende a Deputación.
Aposta pola cultura segura
No ano 2020, a Deputación de Lugo promoveu a través dos circuítos de teatro afeccionado e profesional un cento de actuacións nas distintas comarcas, coa colaboración de concellos e asociacións. Os ciclos incluíron obras de 15 grupos afeccionados e 9 compañías profesionais, contribuíndo a manter a súa actividade nos meses con maior incertidume pola situación sanitaria.
O ano pasado demostrouse, conxuntamente, que a cultura é segura, aplicando en cada momento as medidas de prevención indicadas polas autoridades sanitarias, cun esforzo tamén por parte das entidades programadoras, asociacións e concellos, e do público.