Os catamaráns da Ribeira Sacra impulsados pola Deputación de Lugo rexistraron preto de 57.000 viaxeiros en 2025

RibeiraSacraXa
As dúas rutas operativas, a do Canón do Sil e a do Cabo do Mundo, volveron concentrar a maior parte do fluxo turístico
catamaran-ribeira-sacra
9 Dec 2025

As rutas fluviais que xestiona a Deputación de Lugo polos Canóns do Sil e do Miño volveron pechar o ano con alta demanda. Entre marzo e esta pasada fin de semana rexistráronse 56.904 viaxeiros, unha cifra que, segundo a institución provincial, se mantén estable a pesar dun verán marcado pola peor vaga de incendios en Galicia no último século, que incluso obrigou a interromper un día completo o servizo para facilitar os labores de extinción.

“Temos unha cifra moi sólida de usuarios e usuarias ano tras ano, o que demostra a forte atracción turística desta proposta e do traballo serio e comprometido da Deputación”, destacou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

As dúas rutas operativas volveron concentrar a maior parte do fluxo turístico. Por un lado, a do Canón do Sil, con saída desde o embarcadoiro de Ponte do Sil en Monforte de Lemos, sumou 43.495 persoas, mentres que a ruta do Cabo do Mundo, con saída en Santo Estevo (Belesar), rexistrou 13.409 viaxeiros.

A institución provincial subliña que estas travesías encaixan na súa aposta por un turismo sustentable e de experiencias. Segundo García Porto, “as rutas fluviais xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio nesta comarca”.

A Ribeira Sacra seguiu atraendo visitantes internacionais. Desta forma, un 30% das persoas usuarias proceden doutros 37 países, principalmente europeos, con Francia, Alemaña e Portugal á cabeza, aínda que tamén chegaron viaxeiros de América, Asia e África. Preto do 70% son turistas nacionais, sobre todo de Galicia, Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia ou Biscaia.

Entre o 1 e o 8 de decembro, coincidindo coa Ponte da Constitución, utilizaron o servizo 683 persoas. A ruta máis demandada foi a de Ponte do Sil, con 575 viaxeiros, mentres que a de Belesar sumou 108. Durante estes días reforzouse a frecuencia das navegacións en ambos os dous embarcadoiros.

⚙ Configurar cookies
0.076185941696167