Os campos Luís Bodegas e A Pinguela terán videomarcadores deportivos LED

RibeiraSacraXa
Os campos Luís Bodegas e A Pinguela, no concello de Monforte, terán videomarcadores deportivos LED de última xeración
campo futbol luis bodegas monforte
10 Out 2022

Vénse de anunciar a apertura do prazo de licitación para a presentación de ofertas para a adquisición e instalación de dous novos videomarcadores LED de última xeración, un para o Campo Municipal de Fútbol da Pinguela, e o outro para o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, en Monforte.

“Con estes novos videomarcadores, que substituirán ós marcadores deportivos convencionais existentes nestes dous campos municipais de fútbol, o Luís Bodegas e o da Pinguela, contaremos con unhas ferramentas de última tecnoloxía que nos permitirán non só ofrecer os resultados ou o tempo de xogo, senón tamén, todo tipo de información, así como a proxección de vídeos e contidos multimedia”, destaca o rexedor monfortino.

Estas dúas instalacións deportivas municipais están dotadas dun campo de fútbol 11 de herba natural, no caso  do  Campo Municipal da Pinguela, e dous campos de herba artificial, un de fútbol 11 e outro de fútbol 7, no caso do Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.

Un total de 5 clubs de fútbol utilizan estas instalacións deportivas tanto para adestramentos como para competicións deportivas federadas. Na instalación tamén se levan a cabo actividades propias de diferentes programas deportivos  organizados  polo Concello de Monforte, así como alugueres por parte de usuarios de tempo libre.

“Actualmente”, sinala José Tomé, “estas dúas instalacións municipais están dotadas con marcadores deportivos convencionais, con carcasa metálica, que non se adaptan á evolución tecnolóxica dos marcadores da actualidade. Por iso, dende o Equipo de Goberno consideramos necesario buscar unha solución tecnolóxica axeitada á realidade actual, cun sistema versátil e  personalizable que nos permita adaptarnos a todas as necesidades deportivas e que ademais nos sirva como ferramenta de comunicación tanto institucional como por parte dos equipos que utilizan as instalacións”.

Para a adquisición destes novos videomarcadores LED, o concello dispuxo unha partida orzamentaria de máis de 43.000 euros. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o sábado 15 de outubro.

Xunto coa instalación dun videomarcador de similares características a finais do pasado ano no polideportivo de A Pinguela, o concello segue a renovar este tipo de ferramentas, para contribuír á mellora das instalacións deportivas municipais, ofrecendo un mellor servizo ós seus usuarios.

0.12312793731689