Os Campamentos de Verán de Quiroga arrancaron con todas as prazas cubertas

Con todas as prazas ofertadas ocupadas, un total de 110 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos comezaron esta semana os Campamentos de Verán organizados pola área de Igualdade do Concello de Quiroga dentro do programa Concilia Quiroga. Esta iniciativa conta co financiamento do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia e do propio Concello, e ten como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, priorizando ás familias nas que ambos proxenitores traballan ou ás monoparentais.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, acompañado polo concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, foi o encargado de dar a benvida aos participantes nun servizo que cada ano conta cunha gran demanda por parte das familias do municipio.
As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, dividindo aos rapaces e rapazas en cinco grupos segundo a súa idade. As instalacións da Ludoteca, a Casa da Cultura e o Centro Social acollerán as diferentes aulas nas que se realizarán as actividades, que comezan ás 10:30 horas para garantir que todos os asistentes estean incorporados antes do inicio. A xornada rematará ás dúas do mediodía nas piscinas municipais, para o que a organización recomenda levar calcetíns antiescorregadizos ou escarpíns.
Dentro da programación inclúense actividades deportivas que se realizarán unha vez por semana no patio e no ximnasio do CEIP de Quiroga, ademais de dinámicas grupais que se organizarán en datas sinaladas.
O equipo responsable está formado por dez monitores titulados e sete voluntarios, coordinados polo Centro de Información á Muller. Os monitores foron contratados a través do programa Concilia Quiroga grazas á subvención concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, mentres que os voluntarios participan no marco do programa de voluntariado tramitado polo Concello ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Un ano máis, Quiroga aposta por facilitar ás familias un servizo de calidade para que os máis pequenos poidan desfrutar do verán con actividades lúdicas e educativas nun ambiente seguro e supervisado.