'Os camiños dos sabores', as dez rutas polo Courel organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel
A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza para este mes de agosto un total de dez rutas guiadas gratuítas para dar a coñecer as paisaxes da serra e os seus sabores asociados e baixo o nome de 'Os camiños dos sabores’.
s rutas, de dificultade media-baixa, están pensadas para un grupo máximo de dez persoas e darán comezo este sábado día 5 cunha saída por Mercurín que rematará cunha visita a Mel O Galeirón. Con esta proposta que leva por título ‘Artesanía Alimentaria.
Desde a Asociación pretenden levar máis alá da contemplación da paisaxe e o desfrute da natureza ás persoas que visitan O Courel. Trátase de que coñezan, desfruten e valoren os produtos que nacen da paisaxe da serra, tales como o mel, as marmeladas, tartas ou carnes, produtos todos eles elaborados por homes e mulleres da Asociación.
Entre os obxectivos do proxecto, ademais de descubrir todos os produtos, está o de que os participantes poidan coñecer os procesos de elaboración en conexión coas paisaxes de onde proceden. E, como parte final, tamén poderán degustalos.
Requisitos
As rutas faranse de mañá, con saída ás 10.30 horas nos puntos de partida que se indicarán unha vez feitas as inscricións. É preciso enviar un correo a marenoso@gmail.com, indicando nome, teléfono de contacto e correo electrónico. A hora estimada de remata será ás 14.00 horas facendo unha pequena cata dos produtos elaborados polos sociais e socias que participan no proxecto.
É imprescindible levar auga e calzado e roupa axeitados para as rutas. Para o desenvolvemento e interpretación das mesmas contarase coa colaboración dos guías que traballan no territorio e que son os que mellor o coñecen e divulgan.
Calendario de actividades
- 5: O mel. Ruta por Mercurín. Mel O Galeirón.
- 6: O mel e arquitectura tradicional. Seceda. Mel Coumel.
- 9 : Os froitos. Camiños de Folgoso. Caurelor.
- 10 : O sabor dos prados. Louzarela. Carnes de Casa Sidro.
- 14 : A castaña: Mostaz. Delicias do Souto.
- 20: O mel e a arquitectura. Seceda. CouMel.
- 23: O mel. Mercurín. O Galeirón. 24: O sabor dos prados. Louzarela. Casa Sidro.
- 26: A Castaña. Mostaz. Delicias do Souto. 27: Os froitos. Vilamor/Vilar/Froxán. Caurelor.