Os Anguieiros celebra a Madalena 2025 cunha fin de semana chea de tradición, xogos e gastronomía

Este sábado 19 e domingo 20 de xullo, Os Anguieiros, na parroquia de Montefurado, acolle unha nova edición das Festas da Madalena, organizadas pola Asociación Boca do Monte co apoio do Concello e do programa Tradigalu da Deputación de Lugo.
A programación comeza este sábado pola mañá cunha andaina pola ruta Os Alvaredos–Roblido–Os Alvaredos. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, celebraranse xogos tradicionais e interxeracionais como billarda, chave, bolos ou corda. Ás 21:00 horas terá lugar unha merenda popular amenizada polo Grupo Tradicional Érbedo, de Sober.
Un dos momentos destacados da xornada será o regreso do Concurso-cata de Madalenas, previsto para as 22:00 horas. As persoas interesadas en participar deben presentar seis madalenas caseiras entre as 19:00 e as 20:00 horas do mesmo sábado, no campo da festa. O xurado valorará presentación, sabor e orixinalidade, e a proposta gañadora recibirá unha cesta de produtos cortesía de Mari Carmen Macía, de “Mel do Avó”. As madalenas restantes poderán degustarse entre o público.
O domingo 20 a programación comeza cedo, ás 10:00 horas, co XIII Campionato de Bolos, que se prolongará ata as 12:30 horas. e que contará con premios para os mellores xogadores. A partir das 12:30 horas haberá unha alborada a cargo do Grupo Tradicional Abertal (A Rúa), seguida da procesión e misa na honra da Madalena ás 13:15 horas.
Para pechar a festa, haberá un aperitivo popular e sorteo de produtos, de novo acompañado pola música de Abertal. As celebracións manteñen así viva a tradición e o espírito comunitario da aldea.