Os alpinistas de 3Cumios equipan 14 escolas rurais en Perú con material educativo e deportivo

RibeiraSacraXa
A iniciativa beneficiará a arredor de 500 nenos e nenas de comunidades rurais da zona
3cumios-entrega-material-peru
O equipo de 3Cumios visita unha escola en Perú
29 Jul 2025

Os alpinistas do proxecto 3Cumios entregaron material escolar e deportivo valorado en máis de 2.000 euros a 14 escolas do distrito de Olleros, no corazón da Cordilleira Branca do Perú. A iniciativa beneficiará a arredor de 500 nenos e nenas de comunidades rurais da zona.

O equipo está formado por Manuel Vieitez (Sober), Tomás Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte), que combinan o seu reto deportivo coa vertente solidaria do proxecto.

O equipo de alpinistas emprendeu o pasado 15 de xullo unha das aventuras máis desafiantes das súas vidas: a ascensión ao Huascarán, a montaña tropical máis alta do planeta e unha das cimas máis emblemáticas dos Andes. Situada na Cordilleira Branca no Perú, cunha altitude de 6.768 metros, este xigante non só representa un reto físico e mental, senón tamén unha oportunidade única para proxectar e promocionar a Ribeira Sacra nun escenario internacional.

Para facer realidade este proxecto, o equipo de alpinistas conta coa colaboración do Concello de Sober, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia. Agora que a iniciativa é xa unha realidade, traballan para obter o maior apoio institucional posible.

Orixinarios desta máxica rexión galega, os membros de 3CUMIOS teñen como un dos seus obxectivos principais levar o nome da Ribeira Sacra ao máis alto, tanto literal como metaforicamente. A través desta expedición, buscan dar a coñecer a beleza, a cultura e o espírito de superación que caracterizan esta terra, converténdoa nun símbolo de inspiración a nivel global.

A expedición, programada para 2025, forma parte do Proxecto 3 Cumes, unha iniciativa que busca conquistar tres montañas icónicas en tres continentes diferentes. O Huascarán será a primeira parada deste ambicioso proxecto, que combina a paixón polo alpinismo cun profundo respecto polas comunidades locais e o medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.15391492843628