Organízase un intercambio xuvenil nunha granxa de Sober
O galego Alberto Andrade e a holandesa Alice Korsch, afincados desde hai un ano en Sober, organizan un intercambio xuvenil na súa granxa para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos sobre sustentabilidade, mundo rural e agricultura ecolóxica.
No encontro, que vai ter lugar entre os días 10 e 17 de setembro na Casa Belán, van participar vinte mozos e mozas de catro países diferentes, chegados de diversos puntos de España, Dinamarca, Georgia e Holanda, xunto con catro líderes de grupo.
O intercambio xuvenil pretende construír un equipo de mozos e mozas comprometidos con crear un mundo máis sostible a través de accións que despois poidan ter un impacto positivo nas súas comunidades de orixe.
A iniciativa, que nace en colaboración coa Asociación Sociocultural BreGal, forma parte do Programa Erasmus Plus e conta co financiamento da Unión Europea.
O Concello de Sober vai colaborar cos promotores desta proposta, organizando, entre outras cousas, unha excursión en catamarán para que coñezan a localidade e poidan visitar os puntos máis emblemáticos da Ribeira Sacra ao seu paso pola vila. Tamén cede material municipal e instalacións públicas para que se leven a cabo os talleres.
Así, o venres día 13 organizan unha ‘Noite intercultural’ no Centro Sociocultural de Sober a partir das 21.00 horas e os mozos levarán algo típico dos seus países de orixe (un traxe, comida, música...), unha actividade que será de portas abertas para que a xente da zona poida sumarse.