Organizan un curso de plantacións de castiñeiros en Monterroso e O Saviñao

RibeiraSacraXa
Agacal desenvolverá un curso sobre planificación e deseño das plantacións de castiñeiro de froito en Monterroso o sobre enxertos no Saviñao.
castanas castineiro
16 sep 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá a vindeira semana dous cursos sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito nos concellos de Paderne de Allariz e Monterroso e un terceiro curso sobre enxertos e podas para a renovación deste tipo de soutos no municipio do Saviñao.

Así, a acción formativa que terá lugar o vindeiro martes, 21 de setembro, no concello de Paderne de Allariz celebrarase no polideportivo municipal en horario de tarde, de 18:00 a 22:00 horas. No caso da xornada que terá lugar o venres, 24 de setembro, no concello de Monterroso celebrarase no salón de actos do Centro Sociocultural en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Finalmente, o curso do Saviñao celebrarase no auditorio municipal de Escairón o sábado 25 de setembro, en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo principal destes cursos é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas e de mercado, os distintos tipos de podas e enxertos, entre outros temas.

Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal con indicación da acción formativa solicitada. Para máis información poden dirixirse ao teléfono 881 997 279.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

0.1917359828949