Olimpia López coordina o dispositivo de seguridade para a Mostra do Aceite e a Feira do Viño de Quiroga

RibeiraSacraXa
No encontro analizouse o operativo previsto para garantir o correcto desenvolvemento das celebracións e abordouse o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos
xunta-seguridade-quiroga
9 Mar 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Quiroga para coordinar o dispositivo especial que se activará con motivo da XXVI Mostra do Aceite e, sobre todo, da XLIV Feira do Viño de Quiroga, dous eventos que cada ano congregan a numerosos visitantes no municipio.

Durante a reunión, na que participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local e do propio Concello, analizouse o operativo previsto para garantir o correcto desenvolvemento das celebracións, reforzando a coordinación entre as forzas e corpos de seguridade e prestando especial atención á seguridade viaria, á prevención de incidentes e á protección das persoas asistentes.

No encontro tamén se realizou unha valoración da situación da seguridade cidadá en Quiroga, destacando a “boa coordinación existente entre as distintas administracións e corpos policiais”.
Ademais, abordouse o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que inclúe charlas da Garda Civil no CEIP e no IES de Quiroga, centradas na prevención de riscos entre a mocidade e na promoción dunha convivencia segura tanto no ámbito escolar como no dixital.

A subdelegada subliñou a importancia destas xuntas de coordinación para “anticiparse ás necesidades de seguridade dos eventos do municipio e garantir que veciñanza e visitantes poidan gozar das celebracións con tranquilidade”.

0.1260838508606