Olalla Rodil defendeu en Pantón a necesidade de emprender no rural de xeito sostible
A cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, visitou a Casa da Fonte de Pantón, unha explotación gandeira que aposta por un modelo de producción e de consumo de proximidade.
Olalla Rodil definiu esta empresa como "un exemplo de que é posible emprender no rural de xeito sostible", e anunciou que, a partir do 18 de febreiro "o BNG traballará desde o Goberno da Xunta de Galicia para facilitar o emprendemento no rural con proxectos innovadores como a Casa da Fonte, que apostan pola producción de derivados do leite e polo comercio de proximidade".
Olalla Rodil sinalou que existen experiencias, como a Casa da Fonte, que acreditan a posibilidade de vivir dignamente e con futuro no rural galego: “Temos que ver como funcionan explotacións como a que visitamos para ver que é posible, pero dende o Goberno hai que apoiar estas iniciativas e non continuar poñéndolles atrancos”.
“Só temos que ver proxectos que xa están en marcha, que son viables e convertelos en exemplo dun sistema produtivo moderno e de futuro para que moitas persoas poidan iniciar unha actividade profesional digna no rural” afirmou a canidata do BNG por Lugo.
Mellorar infraestruturas e servizos
Rodil afirmou que se trata de "unha necesidade" mellorar a dotación de infraestruturas e servizos con especial énfase nas zonas rurais máis afastadas, moi especialmente nas provincias de Lugo e Ourense.
A cabeza de lista do BNG por Lugo tamén estableceu como prioridade "un plan de mobilidade no rural, con rutas e horarios suficientes para asistencia prioritaria no ámbito da educación, sanidade e servizos sociais".
“Poñer de novo en marcha o banco de terras será fundamental para as explotacións poidan contar coa superficie axeitada e poidan reducir os custos de produción evitando o afogamento financieiro ao que están sometidas” dixo Rodil, que tamén apostou pola necesidade da transformación e a diversificación das producións agrogandeiras.