Obras de mellora en vías de Monforte a causa da Volta Ciclista a España
Monforte está a acometer obras de mellora en tramos de dúas rúas do casco urbán, para mellorar e renovar o firme e garantir desta maneira a seguridade dos participantes da Volta a España o vindeiro 3 de setembro.
Os tramos das vías municipais sobre as que se están a executar as obras de mellora, que corren a cargo da empresa Taboada y Ramos, atópanse, un deles na Avenida de Galicia, próximo ó cruce coa rúa Roberto Baamonde, e outro na rúa Celso Emilio Ferreiro, próximo ó entronque coa Avenida de Galicia.
Dado o mal estado de conservación no que se atopaban ditos tramos, e debido ó paso da caravana ciclista de la Vuelta a España polos mesmos, o Concello procedeu a renovar a capa de rodadura, co fresado do firme actual e a posterior aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor. Posteriormente, procederase ó pintado das marcas viais correspondentes (liñas e cebreados).
O investimento para estas melloras, que servirán para garantir a seguridade dos ciclistas ó seu paso pola cidade, alcanza os 22.000 euros (22.769,86 euros).