O XXXII Certame Municipal de Teatro para centros educativos de Monforte entregou os seus premios

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu esta semana o acto de entrega dunha edición que resultou ser todo un éxito entre as persoas asistentes
premios-ceertamen-teatro-monforte
Entrega de premios do XXXII Certame Municipal de Teatro para centros educativos de Monforte
29 May 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, entregou esta semana os premios do XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 6 ata o 20 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e no salón de actos do Multiusos.

Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, o rexedor monfortino fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación, nun lapis de memoria personalizado con logo do Concello e o nome do certame, das obras representadas, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Participaron no certame un total de seis centros de ensino da cidade e unha asociación, todos eles recibiron un diploma pola súa participación e un DVD coa gravación da obra representada polo seu centro. Os centros educativos que recibiron o galardón foron:

  • CEIP de Monforte, coa obra “Ser diferente”.
  • Colexio P. Ferroviario, coa obra “Matilda”.
  • IES A Pinguela, coa obra “Asasinas a soldo”.
  • IES Río Cabe, coa obra “Xespirando, xoguete cómico para todes”.
  • CEIP A Gándara, coa obra “A muralla”.
  • ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Lingua viva”.
  • Colexio PP. Escolapios, coa obra “A pantasma de Canterville”.

Dende o Concello, destacan que as obras escenificadas resultaron un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a orixinalidade e detalles dos decorados, para cuxa elaboración resultou fundamental a implicación dos pais e nais dos rapaces.

Os asistentes que acudiron ás distintas representacións saían satisfeitos das actuacións dos rapaces e rapazas, e os centros educativos tamén quedaron moi satisfeitos do traballo realizado pola comunidade educativa e polos alumnos e alumnas.

O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos, organizado pola Concellería de Cultura, conta coa colaboración da Deputación de Lugo no Plan Deputación 2025 de Cooperación cos Concellos. É unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose neste Concello, xa que xunto cos centros de ensino da cidade se convoca dende o ano 1991. Edición tras edición, o certame acada un gran éxito entre os nenos e nenas.

O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.

A realización desta actividade, sinalan dende o Concello, non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e dos seus profesores. En moitos centros formáronse aulas de teatro como actividade extraescolar, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.

⚙ Configurar cookies
0.12435007095337