O XXIII Conde de Lemos visitará Monforte de Lemos na primavera-verán do 2024
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que cursou unha carta oficial dirixida ó actual XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, na que o rexedor monfortino convidou ao Duque a unha visita oficial a Monforte de Lemos.
José Tomé iniciou así os trámites oficiais de cara a concretar esta importante visita institucional para a cidade, logo de que o pasado 27 de setembro lle trasladara esta invitación ao Duque de Alba de maneira formal, durante o transcurso da presentación no Palacio de Liria de Madrid, do último libro da escritora e historiadora monfortina Manuela Sáez, “Vida y obra del VII Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro”.
Dita invitación verbal foi aceptada “de xeito gustoso” naquel momento polo Duque de Alba, e foi cando ambas autoridades emprazáronse a formalizar oficialmente tal compromiso. Deste xeito, tras o envío deste convite oficial, José Tomé manifestou que “agardamos recibir unha resposta favorable por parte da Casa de Alba a esta invitación, e de producirse, o seguinte paso será iniciar os contactos pertinentes co obxectivo de acordar a data e os detalles de tan importante e ilustre visita á nosa cidade”. Neste senso, a previsión é que a visita oficial se poida producir na primavera-verán do vindeiro ano 2024.
No acto do mes de setembro, o Duque de Alba, na súa intervención durante a presentación do citado libro arredor da figura do VII Conde de Lemos, amosouse moi orgulloso de ostentar o título de Conde de Lemos, “xa que é un dos máis grandes e antigos da Casa de Alba”.
“Para todos os monfortinos e monfortinas, sería todo un orgullo recibir a visita do actual Conde de Lemos á nosa cidade, que como el manifestou é un dos títulos máis grandes e antigos da Casa de Alba, e se todo vai segundo o previsto, na primavera ou verán do vindeiro ano 2024, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo visitará Monforte e o recibiremos con toda a distinción e deferencia que merece”, concluíu o alcalde.