O XV Torneo de Bridge Ciudad de Monforte contará coa participación de 70 xogadores
A primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, presidiu o acto de presentación do XV Torneo de Bridge Ciudad de Monforte de Lemos, que tivo lugar na Casa do Concello, e que contou coa participación de Dora Blanco, que é a Presidenta da Asociación Club Bridge Ciudad de Monforte de Lemos, entidade organizadora do evento, e o Deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera.
Gloria Prada amosou a satisfacción do Concello por “que se volva a celebrar este Torneo na nosa cidade, xa que a última edición do mesmo disputouse en 2019, e a pandemia da Covid-19 impediu que puidera volver a organizarse ata este ano”.E engadiu que “tanto o Alcalde, José Tomé Roca, como o Equipo de Goberno, implicámonos en apoiar a recuperación deste torneo, para o cal contribuímos cunha axuda económica destinada a sufragar os gastos de arbitraxe do torneo”.
A tenente de alcalde destacou a importancia de “poder acoller encontros deportivos desta índole na nosa cidade, porque non só contribúen a dar a coñecer o potencial do noso turismo e a nosa oferta cultural, senón que tamén xeran actividade ao redor da hostalería e o comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra, de Monforte e da Ribeira Sacra”.
Por iso, a mandataria monfortina agradeceu o esforzo e a implicación da Asociación Club Bridge Ciudad de Monforte de Lemos por volver a organizar este torneo e desexou que a edición deste ano resulte “todo un éxito, e que sexa o principio da recuperación do mesmo, para que alcance no futuro o esplendor que tivo en anos pasados”.
O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, destacou o apoio do ente provincial “porque buscamos o valor engadido, e neste caso o Torneo de Bridge vai a supoñer un importante revulsivo económico para Monforte durante esta fin de semana, xa que o bridge, aínda que é un deporte aínda descoñecido, move moita xente, sendo ademais un deporte olímpico”. O deputado provincial tamén confía no éxito deste tipo de eventos “que atraen un turismo de calidade e de experiencias”.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación Club Bridge Ciudad de Monforte de Lemos, Dora Blanco, explicou todos os detalles dun torneo que “retoma a súa andadura despois de non poderse tido celebrar dende 2019”.
A 15ª edición do Torneo de Bridge Ciudad de Monforte de Lemos disputarase o 15 e 16 de setembro no Parador de Turismo de Monforte e contará con 70 xogadores provintes de toda Galicia así coma outros puntos de España como Canarias, Valladolid ou Alacante.
A organización do Torneo destina para os participantes mellor clasificados 3.000€ en premios e agasallos.
Dora Blanco destacou o carácter oficial do Torneo, “xa que é de categoría nacional, con puntos federativos e que conta coa presencia dun árbitro nacional oficial, Ramón Quirós García”.