O xulgado suspende a tramitación da moción de censura en Manzaneda

O xulgado número 1 do contencioso administrativo de Ourense declarou firme a suspensión da tramitación da moción de censura en Manzaneda e arquivou as actuacións relacionadas coa mesma, tras aceptar as medidas cautelares urxentes presentadas polo alcalde, Amable Fernández Basalo.
O rexedor presentara esta solicitude ao detectar diversas “irregularidades” na presentación da moción, entre elas que só dous dos catro concelleiros asinantes compareceron presencialmente ante o secretario para autenticar as súas firmas, mentres que os outros dous foron testificados sen presenza física nin autenticación notarial, segundo o propio secretario. Ademais, a notificación da moción foi considerada “totalmente defectuosa” ao limitar o acceso á información, xa que só se notificou a convocatoria do pleno sen achegar o texto completo da moción. O Concello alegou tamén que a convocatoria do pleno tivo a súa orixe nun acto “nulo de pleno dereito Ab initio”, que podería ocasionar un prexuízo irreparable ao cargo e á institución municipal.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que esta resolución xudicial “amosa claramente as irregularidades e defectos na presentación da mesma por parte do PP e dos concelleiros tránsfugas”. Engaden que o PP e os tránsfugas “pretenden entrar a gobernar un concello sen coñecer as bases reguladoras do réxime local” e preguntan: “se non saben presentar unha moción de censura, como pretenden gobernar un concello?”.
Por iso, dende o PSOE piden ao PP e aos tránsfugas que “recapaciten” e eviten presentar novas mocións “tralo ridículo e as irregularidades cometidas na tramitación do primeiro intento”. Ademais, esperan que “ou ben o PP se retracte no impulso desta moción ou os dous concelleiros tránsfugas entreguen a súa acta”.
A Executiva Provincial do PSOE critica con dureza as “controversias” entre as declaracións dos cargos do PP, destacando a “contradición” entre o presidente provincial, Luís Menor, que nega ter buscado apoio para a moción, e o voceiro local, que afirma que houbo acordo entre populares e tránsfugas. Unha esta división interna que, segundo os socialistas, amosa que Menor “ou minte ou non ten control sobre o seu partido”.
Dende o PSOE din non entender “que o presidente do PP provincial, Luís Menor, diga nunha entrevista radiofónica que eles non foron a buscar a ninguén e que o voceiro do PP en Manzaneda declare nunha entrevista nun xornal que conversamos e chegamos a un acordo, nunha decisión de todos, en alusión aos populares e aos tránsfugas”. Para eles, “ou minte nas súas declaracións aos medios ou non ten control sobre o seu propio partido”, din en alusión a Menor.
Ademais, denuncian que a alegación do PP sobre a inestabilidade e falta de orzamentos é “rotundamente falsa”, xa que os orzamentos foron aprobados en tempo e forma, e aseguran que a inestabilidade foi xerada polo propio PP ao tentar comprar aos tránsfugas para impulsar a moción. Os orzamentos, explican “foron aprobados en tempo e forma” e a “inestabilidade da que fala o presidente do PP, creárona eles mesmos tentando comprar a tránsfugas para impulsar a moción de censura”.
O PSdeG-PSOE acusa o PP de Ourense de “volver aos tempos escuros do baltarismo”, cun “caciquismo e clientelismo” que, segundo os socialistas, nunca desapareceu, e que agora queren recuperar para gobernar Manzaneda sen respectar as normas democráticas, intentando “comprar con diñeiro público o que non conseguiron nas urnas”, e amosan a súa “sorpresa” ante as declaracións do PP provincial nos últimos días, que “tras negar que estiveran detrás da moción por activa e por pasiva, sacaron ao fin a careta para recoñecer que a apoian e que irán ata o final”.