O XII Rally Terras do Incio reunirá 25 vehículos clásicos de España, Portugal e Bélxica

O XII Rally Terras do Incio, no que colaboran os concellos de Sober e do Incio, celebrarase do 18 ao 23 de xuño.
O mércores 18 os amantes do motor darán comezo á cita en Sober a partir das 12:00 horas, mentres que o xoves 19 farán parada no Incio. Este evento, considerado un dos máis relevantes do motor clásico, pretende dar a coñecer a Galicia máis descoñecida e pintoresca, ao tempo que ofrece aos participantes a oportunidade de degustar a rica e variada gastronomía galega.
Está previsto que participen 25 exclusivos vehículos clásicos procedentes de diferentes puntos de España, Portugal e Bélxica, que percorrerán as estradas do interior de Lugo ata finalizar en Ribadeo o 23 de xuño.
Entre os coches que se poderán ver destacan marcas de alto valor como Ferrari, Aston Martin, Jaguar, Porsche, Maserati ou Mercedes.
En cada unha das paradas, os vehículos exporanse para o goce de visitantes e veciños, que non deixan pasar a oportunidade de admirar estas exclusivas máquinas.