O XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra abre a súa convocatoria

RibeiraSacraXa
Nesta edición, o certame repartirá un total de 20.000 euros en premios e o prazo para presentar ideas estará aberto ata o 31 de maio
finalistas-semente-ribeira-sacra
16 Mar 2026

Este luns, 16 de marzo, inaugúrase a convocatoria da XII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, unha iniciativa que busca fomentar o emprendemento e os proxectos innovadores no medio rural, poñendo en valor os recursos do territorio. A convocatoria está aberta a calquera persoa física de calquera parte do mundo, aínda que se dará preferencia aos proxectos vinculados coa Ribeira Sacra.

Nesta edición, o certame repartirá un total de 20.000 euros en premios e, ademais, a persoa que presente o proxecto gañador terá a oportunidade de acceder ao Executive MBA de Ef Business School na Coruña, un programa presencial que se desenvolve entre outubro e xuño e está orientado a profesionais que desexen impulsar a súa carreira na xestión, dirección e liderado empresarial. No caso de que o gañador renuncie, este premio pasará ao segundo clasificado e así sucesivamente ata cubrirse entre os dez finalistas. Ademais, os dez proxectos seleccionados poderán participar nun plan de formación que se desenvolverá no primeiro semestre de 2027, previa manifestación de interese antes do 10 de novembro de 2026.

O prazo de presentación de ideas estará aberto ata o 31 de maio, a través da web do concurso, e a inscrición é gratuíta. Os proxectos deberán presentarse seguindo un formato concreto que inclúa un título que resuma a iniciativa, unha descrición xeral do proxecto, a xustificación da súa oportunidade e a necesidade que cobre, unha análise de fortalezas e debilidades, así como un plan temporal de formulación e implantación. Unha vez completados, os proxectos deberán enviarse en formato PDF antes do 30 de setembro de 2026 mediante o formulario da intranet do concurso.

O xurado seleccionará aos finalistas, que terán a oportunidade de expoñer e defender os seus proxectos nunha xornada que se celebrará o 7 de novembro de 2026 no Parador de Turismo de Monforte de Lemos, onde tamén se realizará a entrega de premios. Esta iniciativa combina incentivos económicos, formación e visibilidade para fomentar a innovación e o desenvolvemento sostible na Ribeira Sacra.

0.11637282371521