O Xeoparque Montañas do Courel organiza unha Xeoruta entre Folgoso e Seceda polo Día das Letras Galegas

O Xeoparque Montañas do Courel organiza unha Xeoruta de balde para o vindeiro 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A actividade desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas.
A ruta, de 10 quilómetros, discorre polo antigo camiño que une Folgoso e Seceda. O desnivel acumulado é de aproximadamente 600 metros positivos e 400 negativos, e a dificultade do percorrido está catalogada como media-baixa.
Ao longo do traxecto, iranse interpretando distintos aspectos da xeoloxía, así como outros elementos do patrimonio natural e cultural, como a ponte-acueduto do Arco da Veiga ou as numerosas albarizas que se atopan espalladas polo territorio.
Para participar é necesario inscribirse previamente a través dun formulario. Desde a organización lembran que as persoas menores de idade deberán ir acompañadas por unha persoa adulta.