O Xeoparque Montañas do Courel continúa coa XIX Semana dos Xeoparques Europeos cunha nova XeoRuta en Peites

O Xeoparque Montañas do Courel continúa celebrando a XIX Semana dos Xeoparques Europeos cunha nova proposta para descubrir o seu patrimonio natural, histórico e cultural. Trátase da 'Xeorruta en Peites: mil historias de ouro, igrexas e aceites', unha camiñada interpretativa que terá lugar o venres 31 de maio pola tarde, con saída ás 16.00 horas desde a Praza do Concello de San Clodio (Ribas de Sil) e regreso previsto ás 20.00 horas.
Durante esta ruta circular, de aproximadamente 1,5 km, as persoas participantes poderán percorrer a contorna da aldea de Peites, situada ao sur do territorio do Xeoparque, coñecida pola súa arquitectura tradicional e polo seu asentamento sobre unha antiga explotación romana de ouro, que tamén será visitada. Alí abordarase a interpretación dos principais elementos xeolóxicos da zona.
A actividade continuará na veciña aldea de Figueiredo, onde se visitará un muíño de aceite moderno que actualmente produce un aceite de oliva de gran calidade, amosando así a tradición oleira que pervive nesta parte do Courel. A actividade é de balde, pero require inscrición previa.