O Xeoparque Montañas do Courel celebrará o Día Mundial dos Océanos cunha XeoRuta polos océanos paleozoicos

O Xeoparque Montañas do Courel despedirá a Semana dos Xeoparques Europeos (#EGNWeek2025) cunha actividade especial con motivo do Día Mundial dos Océanos. A proposta consiste nunha XeoRuta pola contorna da aldea de Carballo de Lor, un espazo onde afloran rochas de orixe oceánica que gardan unha fascinante historia xeolóxica.
Durante o percorrido, que se desenvolverá o sábado 8 de xuño entre as 10:00 e as 14:00 horas, os participantes poderán descubrir os vestixios dos océanos paleozoicos, visibles non só na natureza senón tamén nas construcións tradicionais da zona, como as casas do Carballo de Lor ou mesmo na Igrexa de Santa María de Quintá de Lor, onde estas rochas forman parte dos seus muros.
A actividade é de balde, pero require inscrición previa a través dunha ligazón dispoñible na páxina oficial do Xeoparque, onde tamén se pode consultar máis información sobre o evento.
Como colofón perfecto, os asistentes poderán continuar a xornada achegándose á XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, unha celebración gastronómica e cultural que se desenvolverá nas proximidades.