O xacemento Penas do Castelo está a piques de dar a luz a súa data de orixe
Hoxe, xoves 23 de decembro terá lugar un acto no que se presentarán os resultados das mostras de Carbono 14, que se analizaron para achegar dunha maneira máis fidedigna, datos e información sobre o xacemento Penas do Castelo.
Penas do Castelo é un xacemento situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón. Trátase dunha fortificación monumental cunha muralla que revelou seis metros de ancho e ata catro de altura conservada tras ser escavada o pasado verán.
Dúbidas como a época á que pertence, si é un castro ou unha fortificación altomedieval, terán resposta mañá.
Foron máis de 500 persoas as que visitaron este xacemento durante o pasado verán. Un relato baseado na dúbida aportaba os datos e información que os visitantes desexaban saber. Dando a coñecer o proceso de documentación deste tipo de investigacións. “Empregamos un relato baseado na dúbida que funcionou moi ben, non debemos ter medo a dicir que hai cousas que non sabemos. Isto permite ademais achegar ás persoas o proceso de creación de coñecemento” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto como técnico de Cultura do Concello.
Despois da primeira campaña os achados non permitiron unha datación ou adscrición cultural. “Trátase dun xacemento estraño, situado en ladeira, cunha muralla cun sistema construtivo orixinal e moi pouca superficie aproveitable no interior” comenta Benito Vilas, arqueólogo director. Ante esta dúbida principal o equipo orientou parte dos esforzos á consecución de mostras que permitisen establecer unha “datación absoluta” mediante probas de Carbono 14.
“Recollemos diversas mostras das que se escolleron tres” comenta Cruz Ferro, edafóloga responsable da recollida e procesamento das mostras. Estas foron enviadas ao prestixioso laboratorio BETA en Miami e os resultados acaban de chegar e serán os que se presenten no día de mañá.