O xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, acolle unha nova fase de escavación

RibeiraSacraXa
A prospección con xeorradar xa cubriu unha superficie de arredor de 15.000 metros cadrados ao redor do horreum e tivo resultados moi positivos
Escavación-Proendos-Sober
23 Ago 2024

O xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, acolle unha nova fase de escavación, onde a finais do pasado ano se consolidou o primeiro hórreo romano con disposición dos muros en paralelo que se coñece no noroeste da Península Ibérica. Os traballos, desenvolvidos pola Xunta, contan cun investimento de 17.800 euros.

Nesta ocasión, os profesionais de Tempos Arqueólogos SL centraranse na escavación dunha área duns 50 ou 60 metros cadrados preto do horreum, coa finalidade de exhumar os posibles restos da vila romana detectada na prospección xeofísica realizada no ano 2023. Farano durante dez días.

A prospección con xeorradar xa cubriu unha superficie de arredor de 15.000 metros cadrados ao redor do horreum e tivo resultados moi positivos ao localizarse, na maioría das zonas prospectadas, restos arqueolóxicos, destacando unha gran estrutura rectangular con estancias asociadas a un patio, que podería tratarse dun perístilo ou espazo residencial dunha vila romana (complexo agrario desde onde se administrarían as terras da contorna e se almacenaría a produción do campo).

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu preto de 130.000 eruos no xacemento romano de Proendos desde o ano 2020, a través de seis campañas arqueolóxicas.

0.09352707862854