O Verán Cultural chega a Chantada con máis dunha vintena de actividades

Do 2 de xullo ao 30 de agosto, o Concello de Chantada, a través da Concellaría de Cultura, desenvolverá unha ampla e variada programación cultural no marco do Verán Cultural 2025. Máis dunha vintena de actividades achegarán espectáculos de maxia, cine, teatro, música, circo e propostas infantís para todos os públicos.
Entre os eventos destacados atópanse as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se celebrarán do 21 ao 26 de agosto.
A maior parte da programación terá lugar na Praza do Cantón, espazo central deste ciclo cultural. A primeira actividade será o espectáculo Maxicamente, seguida da obra de teatro A illa do tesouro. Posteriormente, poderá gozarse co espectáculo de clown Comediante e a proposta de variedades Ghop. O público infantil tamén terá o seu espazo con A galiña Josefina, mentres que a música chegará da man de Iberia Marina.
Tamén se sumará á programación a rúa Xoán XXIII, que acollerá o concerto de Roi Casal. Na Praza do Cantón continuarán as actuacións co espectáculo infantil Humor á cara e a proposta musical de Amoradous.
O mes de agosto comezará con varias funcións do Mago Antón na Praza de Galicia, e continuará con actuacións como A banda dos insectos, o espectáculo de clown Sinfonía Caótica, ou o show de malabares Conciencia Malabar. A música tradicional tamén terá o seu espazo coa actuación da Banda de Música de Chantada dentro das Noites á luz da lúa.
Do 12 ao 14 de agosto, proxectaranse películas na Praza do Cantón dentro do ciclo Cine no Cantón. O día 16 será a quenda do clown Rogelio3 La Fête, e do 18 ao 20 celebrarase a Semana do Teatro, con representacións teatrais cada noite.
Tras as Festas Patronais, o Verán Cultural pecharase o día 30 de agosto cun novo espectáculo de maxia: Flash & Brother.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca a variedade e calidade das actividades, pensadas principalmente para desfrutar en familia e gozar dalgúns dos puntos máis emblemáticos da vila do Asma. “Durante os meses de verán recibimos en Chantada a numerosos visitantes que chegan atraídos polas paisaxes e os recursos de lecer. Con esta programación cultural ofrecemos tamén complementos de interese ao seu tempo en Chantada, contando con música, humor, maxia, teatro,… Mantemos ademais esas actividades emblemáticas, que xa levan décadas celebrándose como a Semana de Teatro ou as citas co Cine no Cantón e, por suposto, as Festas Patronais. Invito a todo o mundo a que este verán se achegue a Chantada.”