O Val de Quiroga de Tapas regresa coa súa 14ª edición e once locais participantes

RibeiraSacraXa
Será entre o 20 e o 30 de marzo e abarcará establecementos tanto de Quiroga como de Ribas de Sil
cartel-quiroga-val-de-tapas
18 Mar 2026

O Val de Quiroga acollerá entre o 20 e o 30 de marzo unha nova edición da súa ruta gastronómica máis popular. A décimo cuarta edición do “Val de Quiroga de Tapas” contará este ano coa participación de once establecementos repartidos entre os municipios de Quiroga e Ribas de Sil.

En concreto, sete locais de Quiroga formarán parte do certame —O Portón, A Botica, Chapacuña 3, Matrioshka, Quiper, A Adega de María e o mesón Terriña Salvaxe— mentres que en Ribas de Sil participarán A Cabina, Las Vegas, Restaurante Praia Fluvial e Mesón Luís.

A dinámica do concurso manterase como en edicións anteriores. Cada establecemento ofrecerá a súa tapa a un prezo de 2 euros, dispoñible en horario de mediodía e noite. Con cada consumición, os clientes recibirán un selo nun tapacartón, que poderán completar tras probar todas as propostas participantes.

Unha vez cuberto o percorrido gastronómico, os asistentes poderán votar pola súa tapa favorita empregando o propio cartón, que deberá depositarse nas urnas habilitadas nos locais antes do 30 de marzo ás 23:00 horas.

O establecemento que resulte gañador recibirá un recoñecemento e un premio económico. Ademais, o público participante que complete a ruta entrará no sorteo de diversos premios, entre os que se inclúen cantidades en metálico, experiencias turísticas e gastronómicas na contorna, así como actividades vinculadas ao programa Descubrir Quiroga e ao Xeoparque Montañas do Courel.

0.12340593338013