O último venres de cada mes, os cidadáns de Quiroga poderán desbotar os seus refugallos no Punto Limpo
O Punto Limpo de Quiroga abrirá gratuitamente o último venres de cada mes para que as persoas que o desexen poidan levar directamente aqueles refugallos dos que se queiran desfacer en horario de 09.00 a 13.00 horas.
Ademais desta xornada gratuíta e de portas abertas, mantense o servizo de recollida a domicilio para levar estes residuos ao Punto Limpo chamando ao teléfono 636 693 500. Este servizo ten un custo de case 3 euros por electrodoméstico, ao que se engaden 22 céntimos polos km que sexa preciso recorrer ata o lugar indicado.
Tamén se mantén a apertura do punto limpo previa cita fora da xornada de portas abertas, pero neste caso tamén é preciso abonar a taxa correspondente por residuo que se vaia depositar.
No punto limpo deben depositarse os residuos voluminosos (mobles, colchóns,...) restos metálicos do fogar, cascallos de pequenas obras (ata 25 quilos), electrodomésticos, pilas ou baterías...
O concelleiro de Medio Ambiente, Luís Manuel Arias, afirmou que esta medida tómase para evitar que aparezan vertedoiros ilegais nalgún punto do municipio. Así mesmo, abriu a posibilidade de que dependendo da demanda existente na xornada de portas abertas do Punto Limpo, se poida levar a cabo dous días ao mes.