O último encontro territorial do Plan Conecta FP Galicia tivo lugar no IES A Pinguela de Monforte

RibeiraSacraXa
O último encontro territorial do Plan Conecta FP Galicia tivo lugar no IES A Pinguela de Monforte, no que participaron moitas autoridades
FP A Pinguela
14 Xuño 2023

O IES A Pinguela de Monforte acolleu o último dos encontros territoriais do Plan Conecta FP Galicia que impulsou a Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación co obxectivo de crear marcos de colaboración co sector privado para o establecemento de ofertas de FP a medida do tecido produtivo galego 2023/2025.

Moderado por Enrique Sampil, director do IES A Pinguela, o  acto estivo presidido pola Subdirectora Xeral de Innovación Profesional e coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta Íñiguez. Interviñeron tamén Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL, e Jorge Eduardo Regueiro Tato, xefe de servizo de Orientación e Inserción Laboral.

Ademais, o evento contou cunha mesa redonda sobre FP, sobre necesidades do sector produtivo, sobre a acreditación de competencias e sobre a formación profesional dual, na que interviñeron Gonzalo López Otero (xerente de Industrias Losal SL), Alberto Fernández Cabo (xerente de Galega de Sofware Especializado SLU), Pilar García Novo (xefa de recursos humanos do grupo Hotusa), Luis Ángel Corral Flores (expresidente da comisión de Acreditación de Competencias do noso centro), Jesús Ángel Noya Beltrán (alumno do ciclo superior de Administración e Finanzas dual), Alejandra Losada Novoa, exalumna do ciclo superior dual de Desenvolvemento de Aplicacións Web) e Pilar López Noguerol (alumna do ciclo medio dual de Calzado e Complementos de Moda).

Así, o encontro rematou cun amplo debate sobre a FP, a importancia das prácticas nas empresas para profesorado e alumnos, o que a FP dual supón para o futuro do ensino da formación profesional e outros que completaron o debate.

Estiveron tamén presentes María José Gómez Rodríguez (Xefa Territorial da Consellería de Educación), María Bóveda (inspectora do centro), directores dos centros integrados de Lugo, e numerosos empresarios, profesores e alumnos.

0.20087504386902