O TSXG suspende cautelarmente 7 parques eólicos polo risco de danos ao medio ambiente

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Os maxistrados rexeitan adoptar a medida respecto aos proxectos Picato, previsto nos concellos de Guntín e Lugo, e Solpor, situado entre Ordes e Mesía (A Coruña)
Imaxe recurso de eólicos
16 sep 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar de sete parques eólicos -Serra de Liñares, Serra da Piñeira, Paraño Oeste, San Cristovo, Neboada, Monteagudo e Suime- e rexeitou a medida cautelar solicitada respecto a outros dous proxectos -Picato e Solpor-. Ata hoxe, o alto tribunal galego emitiu un total de 130 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 64 parques eólicos, dos cales 59 foron suspendidos.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego entende acreditado nos sete autos que a execución dos proxectos podería ocasionar danos irreversibles a valores ambientais sensibles. Ademais, nas resolucións indica que se probou que as instalacións poderían afectar a especies vulnerables ou en perigo de extinción que están comprendidas nas cuadrículas nas que se pretenden instalar os parques eólicos e que conforman hábitats de interese comunitario, os cales están recollidos na Declaración Ambiental Estratéxica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Por iso, considera acreditado o periculum in mora, que forma parte da esencia da medida cautelar, pois con el téntase asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversibles. Nos autos, os maxistrados tamén realizan unha ponderación dos intereses en conflito e decretan que a protección do medio ambiente ha de prevalecer en sede cautelar. Así, lembran que a ponderación favorable de intereses económicos é “extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso”.

En canto ao parque de San Cristovo, situado nos concellos de Monterroso, Portomarín e Taboada (Lugo), os xuíces advirten que “a afección visual e paisaxística se prevé severa e permanente no tempo, eliminando a funcionalidade paisaxística do Miradoiro Alto de San Cristovo”, dado a proximidade á que se localizarían algúns dos aeroxeradores. No auto relativo ao parque eólico Paraño Oeste, situado nos concellos de Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense), a Sala afirma que “resulta relevante” a inclusión do espazo da poligonal eólica “na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica”, do mesmo xeito que sucede, segundo destaca o tribunal, cos parques de Serra da Piñeira, Neboada, Monteagudo e Suime. Ademais, indica que neste caso quedou acreditada “unha proximidade crítica na que a afectación aos elementos que serviron para a catalogación do espazo como Rede Natura poden verse seriamente comprometidos”.

O TSXG entende, respecto ás instalacións de Serra da Piñeira, situadas nos concellos de Baralla, Láncara e Becerreá (Lugo), que concorren elementos para considerar a afección a espazos de interese paisaxístico, tanto en relación á Rede Natura como á Reserva da Biosfera. Con todo, sinala que, “aínda que é pública e notoria a presenza esporádica do oso no Concello de Baralla”, no informe achegado pola demandante “non se fai un mínimo desenvolvemento da afección dun hábitat que poida resultar simplemente ocasional ou de paso para o plantígrado”. Por iso, afirma que carece de elementos suficientes para avaliar o impacto negativo pretendido. Por outra banda, considera indiciariamente acreditada a presenza de lobo na contorna, do mesmo xeito que na zona onde se prevé instalar o parque eólico Serra de Liñares.

Respecto ao proxecto Neboada, situado na Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Vilamartín de Valdeorras (Ourense), Quiroga e Ribas de Sil (Lugo), a Sala entende que concorre “a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensibles, quer por pertenceren xa á Rede Natura, quer por estaren previstos para a súa ampliación”. Na resolución relativa ao parque eólico Serra de Liñares, situado nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz (Lugo), os maxistrados afirman que os datos que achega a demandante “son suficientes para dar conta da presenza, polo menos ocasional, do oso pardo nas inmediacións do terreo ocupado pola poligonal do parque eólico”. Ademais, no auto aseguran que a construción do parque podería ocasionar “unha grave afectación á vida das persoas debido á escasa distancia dos aeroxeradores dos núcleos de poboación”. En concreto, segundo o informe achegado, tres dos aeroxeradores situaranse a menos de 800 metros do núcleo rural de Penamaior.

En canto ao parque eólico Monteagudo, situado nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), o alto tribunal galego entende que tamén se probou indiciariamente “a afección por proximidade a espazos de gran valor natural e paisaxístico”. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo afirma que a demandante, no caso do parque eólico Suime, situado en Rodeiro (Pontevedra) conseguiu acreditar indiciariamente a existencia de elementos ambientais altamente sensibles, “ben por estaren catalogados, ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou perigo”.

Na resolución relativa ao parque eólico Picato, situado nos concellos de Guntín e Lugo, o TSXG rexeita a medida ao entender que a parte solicitante non concretou que valores ambientais poderían verse afectados pola súa construción, do mesmo xeito que sucede no caso do parque eólico Solpor, situado entre os concellos de Ordes e Mesía (A Coruña). A Sala, no auto relativo ao proxecto denominado Solpor, tamén rexeita a solicitude de suspensión da autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións. O tribunal explica que a asociación demandante “non conseguiu acreditar indiciariamente a existencia dun dano de carácter irreversible ou de difícil reparación que xustifique a adopción da medida cautelar, na medida en que a alegación da presenza de especies vulnerables non apareceu minimamente xeolocalizada, e o dano por ruído non se xustificou que superase claramente os limiares determinados legalmente”.

0.14488697052002