O TSXG frea cautelarmente o proxecto eólico Neboada por riscos ambientais
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emite unha resolución que suspende de forma cautelar o proxecto eólico Neboada, promovido por Maia Directorship S.L., e situado entre os concellos ourensáns da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras, e os lucenses de Quiroga e Ribas de Sil. A decisión xudicial, adoptada a instancias da organización ecoloxista ADEGA, pon en pausa as obras ata que se emita unha sentenza firme sobre o recurso contencioso-administrativo interposto contra o proxecto.
O parque eólico Neboada é parte dun macroproxecto que inclúe os parques eólicos Orballeira e Xeada, sumando un total de 65 MW de potencia con nove aeroxeradores de 220 metros de altura. Este polígono, situado nas montañas do Courel e a Ribeira Sacra, incide en zonas protexidas de grande sensibilidade ambiental, como a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel e o espazo Rede Natura Ancares-Courel. O impacto sobre estas áreas, cruciais para a protección de especies en perigo de extinción como a aguia real ou en expansión como o oso pardo, foi clave para a decisión do TSXG de suspender o proxecto.
O tribunal sinala que a construción do parque eólico suporía a apertura de pistas, gabias e cimentacións de gran tamaño, o que podería causar danos irreversibles ou de difícil reparación en hábitats protexidos. Ademais, destaca que o proxecto se atopa nunha área catalogada como de “exclusión eólica” polo Mapa de Zonificación Ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica, así como nunha zona de especial interese paisaxístico.
A AGUIA REAL E O OSO PARDO EN PERIGO
Entre os motivos que levaron á paralización cautelar, destaca a presenza da única parella de aguia real da provincia de Lugo, unha especie en perigo de extinción. Segundo ADEGA, a supervivencia desta especie podería verse gravemente afectada pola instalación dos aeroxeradores, dado o seu delicado hábitat nas montañas do Courel. Ademais, o tribunal referiu a importancia de preservar o proceso de recuperación do oso pardo, unha especie en expansión que comezou a ocupar de novo as montañas orientais galegas, en parte grazas aos esforzos de conservación.
O TSXG recolle no seu auto que os indicios presentados por ADEGA demostran a proximidade do proxecto a espazos naturais protexidos, e avalía como certo o risco de dano irreparable se o proxecto eólico continúa. A resolución lembra que a salvagarda do medio ambiente debe prevalecer sobre os intereses económicos que poida xerar o proxecto.
Na súa resolución, o tribunal galego acolle o principio de prevención e precaución, baseándose na xurisprudencia europea que defende que os proxectos cun impacto ambiental severo non poden prevalecer sobre a protección dos bens naturais. A resolución tamén fai unha reflexión sobre a ponderación de intereses, afirmando que, malia que a transición enerxética é un obxectivo importante, non se pode realizar a costa de vulnerar dereitos ambientais fundamentais. “A transición e a soberanía enerxéticas son fins loables, pero non poden supor a destrución doutros bens xurídicos esenciais”, subliña o tribunal.
A MOVILIZACIÓN CIDADÁ, UN PUNTO CLAVE
ADEGA celebrou esta nova paralización cautelar como un paso máis na defensa do patrimonio natural galego e agradeceu o apoio da veciñanza e de entidades como a Asociación Logo, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e Terras Altas de Trevinca. A organización destacou que este tipo de logros son froito da mobilización social e do apoio recibido a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos, que permitiu levar a cabo máis de trinta recursos xudiciais contra proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galicia en 2023. Ata o momento, máis da metade destes proxectos foron suspendidos cautelarmente.
ADEGA insiste na necesidade de seguir vixiantes ante o avance de proxectos que, aínda que necesarios para a transición enerxética, non poden comprometer o equilibrio ambiental en zonas de alto valor ecolóxico como o Courel e a Ribeira Sacra.