O TSXG concédelle a paralización cautelar a ADEGA para o proxecto eólico Xesteirón no Macizo Central
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de comunicarlle a ADEGA a suspensión cautelar da autorización emitida pola Xunta de Galiza o pasado ano ao polígono eólico Xesteirón, proxectado por Greenalia Wind Power en Chandrexa de Queixa e Montederramo, ao carón do Macizo Central Ourensán.
Este parque eólico forma parte dun único macroproxecto xunto con Rodicio II, planeado pola mesma empresa nos concellos de Montederramo e Maceda, a escasos quilómetros de Xesteirón e co que comparte infraestruturas. Ambos os dous proxectos son resultado dunha fragmentación artificial artellada coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto total no seu procedemento de avaliación ambiental. ADEGA acadou tamén no pasado mes de abril a paralización cautelar destoutro polígono eólico, Rodicio II, de maneira que libra unha zona de alto valor ambiental, cando menos ata que se dite sentenza, da construción dun macropolígono eólico que sería letal para avifauna ameazada e en perigo de extinción.
No espazo no que se pretende instalar habitan especies coma o lobo ou a aguia real, o voitre branco e o millafre real. En concreto, Xesteirón proxéctase nas proximidades de varias das Zonas de Especial Conservación incluídas na Rede Natura 2000 e a súa poligonal atópase entre dúas áreas de interese para a preservación da avifauna, polo que actuaría de barreira para o paso de aves. O alto no que se instalaría acolle tamén hábitats de interese comunitario protexidos, alén de pequenos humidais de alto valor ecolóxico. Ademais, algúns dos aeroxeradores de 200 metros de altura prevense colocar a escasos metros das casas. O impacto na paisaxe sería moi significativo, xa que as súas infraestruturas se poderían ver desde espazos naturais tan emblemáticos coma o ZEC Macizo Central, o ZEC Bidueiral de Montederramo, os Altos de San Mamede, Simeón, ou Serra da Queixa e o Val da Edreira.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recolle no seu auto que a organización ecoloxista ADEGA consegue demostrar nos informes presentados a presenza de "elementos ambientais altamente sensibles ou ameazados" na zona afectada, polo que se acredita de forma "clara" que a construción do proxecto comporta un "risco de dano irreparable ou de difícil reparación dados os valores ambientais comprometidos". As obras comprenden a apertura de pistas de gran anchura e de gabias para o soterramento dos cables de evacuación da electricidade, ademais do levantamento de zapatas de grandes dimensións a gran profundidade, unhas intervencións susceptibles de causar un "grave dano" na natureza, tal e como se sinala no auto.
Por iso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acóllese ao principio de precaución e cautela disposto polo Dereito Comunitario e decide paralizar cautelarmente o proxecto, ao entender que as "poderosas razóns ambientais" deben prevalecer en sede cautelar sobre as "razóns económicas". "Son fins loables tanto a transición como a soberanía enerxéticas, pero nin unha nin a outra se poden facer a costa da vulneración doutros bens xurídicos", sentenza.
ADEGA lembra que esta paralización cautelar non sería posible sen o apoio de centos de persoas e entidades á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos contra a vaga eólica e contra este proxecto concreto. É por iso que a organización ecoloxista ADEGA parabeniza e manifesta un profundo agradecemento a toda a veciñanza implicada nesta campaña, cunha mención especial á escritora Brigitte Vasallo por ser altavoz desta causa e a todas as persoas que organizaron a xornada Queixa Viva en Acevedo para a recadación de fondos, ademais de á Sociedade Galega de Ornitoloxía polo seu apoio. Con este dous prox mac central. Seguimos!