O treito da LU-611 ao seu paso polo concello de Bóveda desfrutará de novo asfalto
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade realiza obras de acondicionamento no treito da LU-611 ao seu paso polo concello de Bóveda, no que están a modificar o asfalto.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha dos traballos que supoñen o reforzo do firme en algo máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada, desde a glorieta de Rubián. Estes traballos de mellora do pavimento quedarán concluídos nos próximos días.
Nesta vía executouse a regularización do pavimento e a continuación dotouse dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada.
Arias lembra que estes traballos están incluídos nun contrato de máis de 1,5 millóns de euros para acondicionar tres estradas que vertebran as comunicacións da Zona Sur de Lugo. Así, ademais da LU-611, tamén se actúa na LU-617 e a LU-603 no seu percorrido por Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.
A renovación do firme completarase cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.