O Trece Roeis abrirá o 20 e 21 de xuño a tempada de festivais na Ribeira Sacra

A Deputación de Lugo colabora un ano máis co Festival Trece Roeis, unha cita musical que chega á súa sexta edición e que se celebrará no concello de Pantón os vindeiros días 20 e 21 de xuño. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na presentación do evento, que tivo lugar no Pazo de Ferreiroá.
Pilar García Porto destacou a colaboración da institución provincial que aumenta ata os 7.200€, para impulsar un festival de referencia no calendario musical da comarca da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo. “O Trece Roeis é un auténtico punto de encontro para todas as xeracións, con propostas que enriquecen a experiencia e que contribúen a crear un ambiente único, no que tradición, cultura e lecer se dan a man”, afirmou.
Puxo en valor a Deputada o traballo dos organizadores “detrás deste festival hai un equipo de xente nova, con ilusión, creatividade e compromiso co seu territorio”, e engadiu que este evento é un exemplo de como “a mocidade pode liderar proxectos que non só teñen un impacto cultural e turístico, senón que tamén xeran valor engadido para o conxunto da sociedade”.
“Dende a Deputación de Lugo sentimos un orgullo especial por colaborar con esta iniciativa dentro da nosa aposta firme polo apoio aos concellos e ao tecido asociativo. Porque cremos nun modelo de turismo sostible e de calidade, que xere oportunidades no rural, que poña en valor o noso patrimonio material e inmaterial, e que contribúa a un desenvolvemento equilibrado do territorio”, concluíu García Porto.
CARTEL
O Festival Trece Roeis, que xa se consolidou como un dos eventos musicais máis destacados da provincia de Lugo, contará este ano cun cartel de luxo no que figuran artistas de recoñecido prestixio no panorama nacional e galego.
A programación desenvolverase os días 20 e 21 de xuño, cunha selección musical diversa que abrangue dende o rock e o punk ata a música tradicional galega e propostas máis contemporáneas. O venres, 20 de xuño, subirán ao escenario Gin Toni’s, Trashtucada, Dakidarría, Linaje, Laura DSK, Caamaño & Ameixeiras, Leo de Matamá e Baturruka. O sábado, 21 de xuño, será a quenda de Sés, Sínkope, Ilegales, Radiocrimen, Rastreros, Montedapena, Brais das Hortas e os enérxicos Festicultores Troupe.
As entradas están dispoñibles a través da web oficial do festival, www.treceroisfest.com. O prezo por día é de 18 euros, mentres que o abono para os dous días custa 27,50 euros, máis os correspondentes gastos de xestión.
O Trece Roeis Fest vai máis alá da súa potente proposta musical sendo unha decidida aposta pola revitalización do rural galego. O festival promove activamente os produtos locais, a cultura e a identidade da xente da terra, todo isto nun marco incomparable como é a Ribeira Sacra lucense. Durante as dúas xornadas do evento, o público poderá desfrutar dunha programación paralela que inclúe catas de viño, degustacións gastronómicas e a Feira de Artesanía, que mantén aberto o prazo de inscrición para profesionais do sector a través da súa páxina web oficial.