O Trail Heroica Sacra 2025 celebrarase do 27 ao 29 de xuño

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Pantón na presentación do Trail Heroica Sacra 2025, que se celebra os días 27, 28 e 29 de xuño. Trátase dun campionato oficial formado por varias probas e submodalidades, cuxo trazado discorre entre viñedos, ríos e montes dos municipios de Chantada, O Saviñao, Sober e Pantón.
O Goberno galego colabora con esta cita, que organizan o club Galaico Trail Run e a peña Saltasebes de Chantada. Para Arias, o Trail Heroica Sacra “é un exemplo de como se pode conxugar deporte, turismo, natureza e cultura para dinamizar o territorio con respecto e visión de futuro”.
A primeira xornada estará adicada a escolares, que protagonizarán o Peque Heroico. O sábado 28 desenvolveranse tres carreiras individuais con distancias de 33, 23 e 12 quilómetros, respectivamente; e unha de remudas de 23 quilómetros. O programa do domingo 29 inclúe as probas Ultra Heroica Miño e Sil; o Campionato Xunta de Galicia Ultra Trailrunning 2025 e andainas.
O trazado percorrerá un total de 85 quilómetros entre os viñedos, ríos e montes dos municipios de Chantada, O Saviñao, Sober e Pantón.