O Tío Pedro de Patricio, trapeiro

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
raul rio
21 Aug 2023

Por Raúl Río.

Os nosos trapeiros non eran os mendigos que describiu Dorde Cuvardic García nin as figuras de escenas urbanas descritas por Mariano José de Larra e Mesonero Romanos, senón que se trataba de negociantes emprendedores e xentes moi integradas e apreciadas na sociedade, pois incluso deixaban afillados por onde pasaban e os paisanos coidábanlles o burro mentres volvían uns días á casa para facer as labores de sementar ou recoller os produtos. Eran rapsodos moi apreciados que se movían polo mundo, dicía Xaquín de Roca.

Un dos trapeiros mais famosos dos Vilares e o que mais tempo lle dedicou ao oficio foi Pedro López Sánchez, O Tío Pedro de Patricio. Tivo incluso o seu oco na literatura e na música. Non digo que tivera a repercusión da biografía de Kirk Douglas, “O fillo do trapeiro”, pero inspirou a poetas da categoría de Marica Campo, que de nena soñaba co caixón do Tío Pedro, e no ano 1976 dedicoulle o precioso poema “Romance de Pedro Trapeiro”, ao que logo engadiu unha marabillosa música Fuxan os Ventos: Na historia que non se escribe/ camiña Pedro Trapeiro/ con un burro, un caixón/ e un fardel de trapos vellos... Pero tamén Xosé Luís Foxo, director da Real Banda de Gaitas de Ourense, foi testemuña do seu paso pola súa aldea natal de Romeor, en Folgoso do Caurel, e quixo inmortalizalo coa preciosa “Muiñeira de Pedro Trapeiro”.

O Tío Pedro era primo de meu avó materno, Gregorio Díaz Sánchez, e naceu en Vilasuso alá polo ano 1889. Era irmán de Andrés da Ponte, coñecido como o “Xastre da Ponte”, outro personaxe famoso dos Vilares; avó do meu amigo e compañeiro de tantas loitas culturais e políticas cando el vivía en Euskadi, o poeta e tradutor José Andrê López Gonçalez, (Andrê da Ponte) autor dos poemarios:“Onde o vento leva un soño de carpazas”, editado en 1990 na colección de “Nimbos de poesía” pola Asociación Cultural Rosalía Castro, que fundáramos en Barakaldo, e

“Rimas de Frei Bento do Santo Nome de Santo Alberte” editado por Xermolos e a Irmandade Manuel María, no ano 1916.
Co seu burro e o seu caixón recorreu aquelas terras bravas, que dicía Anxel Fole, subindo e baixando montañas xa en tempos da guerra incivil; procurándolles xabón e navallas aos escapados e trocando nas aldeas farrapos por aros, fíos, agullas e espellos; furando orellas e, pola noite, rezando rosarios sen deixar santo do ceo, nas casas que lle daban pousada. Marica afirma no poema: “...din que puña remedio/ a case tódalas cousas/ con salmos e padrenuestros”.

Por esas terras, a comarca das Nogais e do Caurel, tamén andaron outras famosas trapeiras como María Antonia de Rato, da Tiñaz, Amador de Malde e Manuel Losada, O Vello Castros da Chousa Grande.

Di a vilarega Pastora Veres, que os trapeiros tiveron unha transcendencia social, pois ademais de desempeñar ese oficio, o Tío Pedro curaba as anxinas e levantaba a “paletilla”; levaba noticias de vodas, enterros e nacementos, unha especie de rede social naqueles tempos e naquelas aldeas illadas, ás que so eles levaban as noticias dos outros pobos do arredor.

Case sempre andaba aos trapos, pero cando no verán ou no outono, viña a Vilasuso para facer as labores de labrador, ademais de diñeiro co que mercar as cousas mais necesarias no fogar: o azucre, o aceite, as prendas de vestir e outras cousas que non se podían producir na casa; traía tamén garridas para os nenos e nenas da aldea e cando ía coas vacas para a finca do Queito, onde había un espiño moi grande (que polo Val do Mao, A Pobra do Brollón, O Incio e O Caurel chamaban escambrón) facíalles a “Festa do Escambrón”, dicíndolles que o ollasen ben, por si tiña caramelos nas ramas e mentres ollaban o escambrón, el desde atrás, tiráballes puñados de caramelos por encima do espiño, que os nenos e nenas collían con moito afán.

Era moi relixioso e pola festa do San Vicenzo, patrón da parroquia, e pola Pascua, sempre ía diante da procesión coa bandeira da parroquia hoxe desaparecida, porque a igrexa é incapaz de conservar o noso patrimonio.

Acórdome de velo nas procesións coa bandeira e, cando morreu, a mediados de maio de 1962, con setenta e tres anos, fómoslle rezar miña nai e mais eu e outros veciños. Daquela contaba eu con once anos de idade e lémbrome ir de noite tripando lama coas zocas por aquelas corredoiras, para darlle o último adeus.

Ensinoulle o oficio ao seu neto e afillado, Pedro López López, que andou catro anos despois da súa morte por esas zonas, entre o ríos Lor e Lóuzara, O Incio e As Nogais, pero en 1966 emigrou a Barcelona para traballar de carteiro, logo montou un negocio de xoiería e despois un restaurante, pois coma seu irmán Luís, levaba na sangre os xenes de emprendedor. Pero con el acabouse o oficio de trapeiro.

pedro lopez colaboracion raul rio
0.16401100158691