O temporal deixou este martes numerosas incidencias e Quiroga, con desprendementos e inundacións

O municipio de Quiroga viviu onte, martes, unha xornada complicada a causa das intensas precipitacións rexistradas durante a noite, que provocaron numerosas incidencias en distintos puntos do territorio, nun contexto no que se mantén a alerta por choiva e neve.
Segundo os datos da estación de MeteoGalicia situada na Conchada, entre a medianoite e as dez da mañá caeron preto de 50 litros por metro cadrado. No que vai de mes, esta estación contabiliza xa 21 días de choiva e unha acumulación total de 163 litros por metro cadrado.
A elevada cantidade de auga caída provocou problemas en varias estradas, especialmente en zonas afectadas polos incendios do pasado verán, onde a ausencia de vexetación dificulta a absorción da choiva.
A estrada que comunica Paradapiñol con Cereixido permaneceu cortada onte pola mañá debido a desprendementos de terra e pedras. Os servizos municipais traballaron para retirar o material arrastrado pola auga e restablecer o acceso aos núcleos da zona. O concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Luis Manuel Arias, informou de que a vía quedou despexada ao mediodía, aínda que recomendou extremar as precaucións.
Durante a tarde do luns produciuse tamén un desprendemento de terra na zona do Freixeiro que impactou contra un tren procedente de Barcelona que circulaba nese momento pola vía. Afortunadamente, o golpe sobre a locomotora non provocou danos de consideración.
Ao longo da noite, Iberdrola comunicou á Dirección Xeral de Emerxencias de Galicia o inicio dunha vertedura polo aliviadoiro do encoro de Montefurado, o que supuxo un incremento do caudal do río augas abaixo da presa. Esta subida fíxose notar no río Sil, que ao seu paso pola Praia Fluvial de San Clodio chegou a desbordarse.
A choiva acumulada, xunto coa neve presente nas zonas máis altas que se está a derreter rapidamente, mantén os ríos preto de saír do seu leito. Ante esta situación, desde o Concello de Quiroga lembran a necesidade de adoptar medidas preventivas, extremar a prudencia na circulación polas estradas e evitar achegarse ás beiras dos ríos.
As condicións meteorolóxicas adversas continuarán. Para a tarde de onte, MeteoGalicia decretou alerta amarela por choiva e por acumulación de neve no sur da provincia de Lugo, con previsión de máis de 10 centímetros a partir dos 800 metros de altitude. Ademais, para o xoves está activada unha alerta amarela por vento, con refachos que poderían superar os 80 quilómetros por hora.