O sur de Lugo recibe 349.000 euros para a atención de persoas en risco de exclusión social
A Consellería de Política Social financiou con 349.000 euros un total de 13 programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán seis concellos do sur lucense.
Ao abeiro deste programa de axudas de inclusión social, os concellos poden desenvolver actividades de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; establecer medidas de educación e apoio familiar, ou incidir en accións de mediación intercultural ou de carácter residencial.
Nas comarcas do sur, o concello de Monforte de Lemos asume case a terceira parte das achegas cun total de 105.575 euros, para desenvolver seis programas de atención a persoas e colectivos en risco de exclusión social.
Tamén resultaron beneficiarios os municipios de Quiroga, Pantón, A Pobra do Brollón, Chantada e Sober. A práctica totalidade destinan os apoios a ofrecer servizos complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social de menores.
O Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria, e tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados, de 20 a 22 meses, para dar maior estabilidade financeira ás corporacións municipais.