O sur de Lugo contou cun investimento de 108.300 euros no 2021 para reactivar o deporte
Un total de 55 clubs do sur de Lugo obtiveron axudas da Xunta para a reactivación do deporte. As zonas que recibiron estas axudas foron Quiroga, Chantada e Terra de Lemos. En total contaron con 108.300 euros.
O Club de Montaña e Piragüismo Quixós en Monforte, foi un dos beneficiarios do programa de mellora de equipamentos.
Esta medida de apoios supuxo nos últimos meses un investimento na zona sur da provincia de 32.183 euros destinados a 16 clubs, mentres que a de equipamentos sumou 31.583 euros distribuídos entre 10 entidades. Ademais, o ano pasado habilitouse outra liña extraordinaria de reactivación, tras a etapa de paralización e restricións derivadas da pandemia, pola que se achegaron 29 axudas por importe de 44.561 euros nestas comarcas.
Este tipo de axudas teñen como obxectivo apoiar ao tecido deportivo a facer fronte ás perdas pola caída de ingresos ou gastos como as cotas federativas; retomar a súa actividade e facelo en condicións de seguridade, implementando elementos e protocolos de prevención fronte ao covid-19; e ampliar e modernizar o seu equipamento.
As subvencións foron tanto dotacións específicas para a modalidade deportiva de que se trate, embarcacións, porterías, tatamis... como outros elementos necesarios para o desenvolvemento das actividades, mesmo vehículos para os traslados, así como material sanitario, entre eles desfibriladores ou caixas de primeiros auxilios.