O Supremo dá a razón ao Concello de Bóveda e exímeo de pagar Ive polo canon da auga
O Tribunal Supremo vén de dar a razón ao Concello de Bóveda no seu recurso de casación contra o pago do Ive polo canon da auga, ao rexeitar que o mesmo poida estar suxeito a este imposto.
En concreto, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Supremo conclúe que "non pode identificarse uso ou consumo con distribución de auga, motivo polo que o uso ou consumo de auga non pode entenderse como unha entrega de ben ou prestación de servizo suxeito a Ive", sinala fronte ao criterio mantido pola Administración Xeral do Estado e que levou ao consistorio a promover un recurso de casación.
A orixe do pleito está na medida aplicada pola Administración Tributaria de practicar liquidacións polo Ive en cada un dos trimestres do exercicio de 2015 como consecuencia de incorporar á base impoñible do imposto o importe do canon da auga esixido pola Xunta.
Logo de desestimarse as reclamacións administrativas primeiro, e logo xurídicas no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, agora o Supremo dá a razón ao Concello. A sentenza conclúe que o Ive e mailo canon da auga non gravan o mesmo feito impoñible.
SATISFACCIÓN NO CONCELLO
Arias lembra que en Bóveda non estaban cobrando o Ive por este concepto, "pero esixíannos o pago", algo que non chegaron a realizar dadas as reclamacións que promoveron.