O subdelegado do Goberno en Ourense analiza co alcalde de Manzaneda o avance do programa Campus Rural no municipio

RibeiraSacraXa
O programa permite a estudantes universitarios realizar prácticas en concellos de menos de 5.000 habitantes e ten como obxectivo fomentar a fixación de poboación no rural
eladio-santos-amable-fernandz-manzaneda
Amable Fernández e Eladio Santos
31 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantivo un encontro co alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, no que abordaron o desenvolvemento do programa Campus Rural, unha iniciativa do Goberno que permite a estudantes universitarios realizar prácticas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Manzaneda acolle actualmente a unha estudante de Arquitectura que está a realizar a súa estadía neste municipio ao abeiro do programa impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e unha ampla representación de universidades públicas. Tanto Santos como Fernández valoraron positivamente esta medida, destacando o seu papel na fixación de poboación no rural.

Durante a reunión tamén se tratou a posta en funcionamento do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade, grazas ao cal o Concello de Manzaneda pode ofrecer un campamento de verán con 60 nenos e nenas, favorecendo a conciliación das familias da contorna mediante financiamento estatal.

Ademais, Eladio Santos felicitou ao rexedor pola recente declaración do entroido de Manzaneda como Festa de Interese Turístico Nacional, recoñecemento que sitúa ao municipio como un referente cultural na comarca oriental de Ourense. O subdelegado destacou a "xestión eficiente" do alcalde e sinalou que Manzaneda é “un concello moi activo, cun impacto positivo directo no día a día dos seus veciños e veciñas”.

⚙ Configurar cookies
0.15647006034851