O SLG volve pedir unha convocatoria por parte da Consellería dunha mesa de traballo

RibeiraSacraXa
"Os anuncios que se quedan só niso, en simples anuncios, o único que provocan é un maior desánimo das persoas afectadas", sostiveron
Uvas-Sen-Vendimar
24 Out 2024

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLLL) volven apelar ás distintas administracións e entidades con responsabilidade e capacidade de actuación e xestión da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, dirixíndose á conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, para reiterar a solicitude de convocatoria por parte da Consellería dunha mesa de traballo na que estean presentes os actores da DO, "ou polo menos que fagan pública e coñezamos a suposta folla de ruta para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, da cal non nos consta existencia algunha máis alá do seu oportuno anuncio a través dos medios de comunicación nun momento no que o sector se estaba mobilizando", destacan.

Así, tamén din que "rematada a vendima na DO Ribeira Sacra, os datos publicados polo Consello Regulador constatan unha diminución de vendima nas uvas tintas de 1.780.408 kg. Para unha Denominación como esta, esta diminución supón máis dunha cuarta parte con respecto ao 2023, case un 27 %. Esta cifra supera as peores previsións, dado que este ano houbo unha boa colleita e, polo tanto, en ningún caso inferior a de anos anteriores: máis de 6 millóns de kg nos anos 2021, 2022 e 2023".

Ademais, destacan que "se a isto lle sumamos que estamos vendo nas grandes superficies de distribución viños a moi baixos prezos coa contraetiqueta da Ribeira Sacra, cada vez resulta máis difícil ver un futuro para as viticultoras e viticultores, nin para a Denominación de Orixe no seu conxunto".

NECESIDADE DE APOIO

Por outra parte, desde o SLG diríxense aos 19 concellos da DO (A Peroxa, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Manzaneda, Monforte, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Pobra de Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada), para pedir aos seus alcaldes e alcaldesas que insistan na necesidade de establecer medidas reais, claras e que se coñezan xa. "Os anuncios que se quedan só niso, en simples anuncios, o único que provocan é un maior desánimo das persoas afectadas".

A vendima do ano que vén empézase a finais deste ano e din que, se a Xunta de Galicia segue sen tomar ningunha medida, "van quedar cepas sen podar. As viticultoras son conscientes de que, no caso de que a uva se recolla para o ano, os prezos moi baixos deste ano van marcar a tendencia do ano que vén. Tamén saben que as adegas van recoller cantidades semellantes ás deste ano, polo que a igual produción no 2025, o problema vai ser exactamente o mesmo".

Dende o Sindicato Labrego Galego cuestiónanse por que, malia terse alertado desta situación dende moito antes do inicio da vendima, a Consellaría do Medio Rural estivo ignorando durante meses esta situación, e só baixo a presión das mobilizacións saíu anunciando medidas, pero sen que ningunha chegara ás persoas produtoras.

0.17727494239807