O SLG pide unha moratoria na aplicación da nova normativa agrogandeira

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba; a economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL, Ana Rodríguez e o técnico do SLG Andrés Castro explicaron en Lugo as consecuencias que para as granxas galegas terá a entrada en vigor de numerosa nova normativa de inminente aplicación.
sindicato labrego galego conferencia prensa isabel vilalba
19 Xan 2024

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba; a economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL, Ana Rodríguez e o técnico do SLG Andrés Castro explicaron en Lugo as consecuencias que para as granxas galegas terá a entrada en vigor de numerosa nova normativa de inminente aplicación.

Reclamaron que estes requisitos, publicados polo Goberno central, contaron cun período de alegacións durante o cal a Xunta de Galicia debía ter achegado alegacións para axustar os requirimentos á realidade do noso territorio. Dende o Sindicato Labrego Galego realizaron no seu momento as achegas aos textos do Ministerio e instaron á Consellaría a asumir o seu traballo realizando as propostas e modificacións necesarias para a súa adecuación ás granxas galegas.

O Caderno Dixital, a aplicación localizada de xurros, o plan de abonado ou a elaboración dun Plan Sanitario Integral son algúns dos novos requisitos que están entrando ou van entrar en vigor para maioría das granxas. Para as medianas e pequenas granxas, maioritarias no modelo produtivo galego, din que "traerá consecuencias que chocan directamente na súa viabilidade ao implicar en moitos casos a realización de investimentos".

Por unha banda, din que esta multitude de requisitos de seguimento técnico "resultan practicamente imposíbeis de incorporar á xornada de traballo das persoas produtoras de alimentos", sobre todo das familiares. "A realidade é que a meirande parte veríase na obriga de contratar axentes externos que dean conta de todos os procedementos requiridos -unha sorte de privatización encuberta de servizos que consideramos deberían ser públicos-, incorrendo en inda máis custos, nun contexto no que a alza constante de prezo dos insumos ten colocado xa nunha situación económica moi complicada grande parte delas".

Por outra, cren que algunhas destas esixencias implican a contratación de perfís técnicos que escasean, tales como os de enxeñaría agrícola ou persoal veterinario, "do que a propia Xunta de Galicia argumenta carencia por exemplo cando solicitamos máis celeridade e control na administración da vacina da lingua azul. Se a administración pública non é quen de atopar veterinarias/os, máis difícil o terán as persoas produtoras de alimentos. Semella ademais que existe un grande descoñecemento de como funciona o sector. A día de hoxe, por exemplo, é moi habitual que nunha granxa de leite haxa unha veterinaria/o nutricional, outra para o control da calidade de leite, a reprodución, a certificación de benestar, persoal da Asociación de Defensa Sanitaria e Gandeira... Aos que se engaden os clínicos que teñen de referencia habitual. A este paso vai haber máis persoal sanitario nas explotacións do que poderemos atopar nalgún hospital comarcal".

Engaden que a carencia de medios afecta tamén a cuestións como a xestión de xurros, un requisito que como mínimo implica un custo de 15.000 euros, e no que as empresas que realizan este servizo acumulan demoras ante a escaseza de cisternas. "Abondando no incremento de custos, no tocante ás analíticas, para as cales a administración inda non estableceu laboratorios de referencia, unha análise de perfil básico e granulometría do solo custa arredor de 40€ por parcela, 45€ o perfil básico de esterco e outros fertilizantes orgánicos e 50€ o de xurro", aclaran.

Ademais, quéixanse de que a totalidade das esixencias asociadas a esta nova normativa implican a realización de xestións dixitais, ·cuestión sobre a que dende o SLG-CCLL temos chamado reiteradamente a atención dada a significativa fenda dixital que afecta ás traballadoras e traballadores do sector primario, onde o 66% das persoas xefas de explotación superan os 55 anos (INE, 2023). Por se fora pouco, as aplicacións informáticas activadas para a realización destas xestións presentan numerosas eivas. No que respecta por exemplo ao Caderno Dixital, o portal XEAGA (Xestión de Explotacións Agrarias de Galicia) está inda en fase de desenvolvemento e presenta erros de funcionalidade básica".

"Habida conta de que a propia administración pública, tanto galega como estatal, non foi quen de activar un escenario de traballo no que tan sequera estas novas esixencias sexan posibles de levar adiante -habida conta das carencias técnicas e de persoal enumeradas-, e ante a constatación do significativo incremento de gastos que para as labregas e labregos suporía o estrito cumprimento dos mesmos, dende o SLG-CCLL solicitamos unha moratoria para tódalas granxas e a exención das pequenas e medianas, así como a paulatina incorporación das adecuacións normativas á nosa realidade, na liña das alegacións rexistradas no seu momento polo Sindicato Labrego e que precisamente pretendían evitar chegarmos a situación que estamos tendo que enfrontar agora", conclúen.

0.19326901435852