O SLG pide á Xunta que faga pública a información sobre as axudas de colleita verde para a Ribeira Sacra

O pasado 1 de marzo, a Consellería de Medio Rural tivo que ter enviado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) os importes calculados da axuda da colleita en verde para a Ribeira Sacra, os criterios de selección e as súas puntuacións.
Dado que o fin do período de solicitudes é xa o 30 de abril e que é a primeira vez que esta axuda se solicita na Ribeira Sacra, Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas dirixiu este luns un escrito ao Director Xeral de PAC e Control da Cadea Alimentaria da Xunta de Galicia, Juan José Cerviño, solicitando respostas a distintas cuestións para poder informar ás viticultoras e viticultores.
Así, piden coñecer cal é o importe calculado para a compensación dos custes directos da eliminación dos acios de uva, así como para a compensación pola perda de ingresos vinculado a esa eliminación dos acios de uva.
Por outa banda, dende o sindicato preguntan á Xunta se a Concellería vai establecer superficie mínima ou máxima e cal sería a superficie, así como a forma da a xustificación da man de obra propia da persoa titular da viña que elimine ela mesma os acios de uva.
Preguntan, ademáis, se haberá campañas de referencia para o rendemento medio das parcelas, así como cal será a data aproximada de publicación da convocatoria e prazo para solicitar a axuda.
Dende o SLG insisten “na necesidade de realizar xuntanzas de traballo para garantir o futuro nesta Denominación de Orixe, e que as decisións sexan coñecidas por todas as partes”, e sinalan que “ante a falla de compromiso por parte da Administración na procura conxunta de solucións para a Ribeira Sacra”, o pasado venres celebraron a primeira xornada do ciclo de conferencias “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”, que están a desenvolver na comarca en colaboración coa Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo “co obxectivo de fornecer un espazo onde traballar solucións para esta Denominación de Orixe logo excedentes que marcou a pasada campaña”.