O SLG denuncia que as axudas á colleita en verde “non se axustan á realidade” na Ribeira Sacra

O 10 de marzo o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas dirixiu un escrito á Consellaría do Medio Rural (CMR), solicitando resposta a varias cuestións relacionadas coa solicitude de colleita en verde para a Ribeira Sacra. “Como advertimos nese momento, para tomar decisións as persoas viticultoras precisaban saber o importe que estaba previsto pagar por hectárea, cales ían ser os termos exactos da convocatoria e cal o procedemento para xustificar o acceso á mesma”, explican dende o sindicato.
Estes datos, din, “xa obraban previamente en poder da Consellería, dado que se requiría o seu envío ao Ministerio de Agricultura para a propia solicitude por parte de Galiza da colleita en verde, pero nunca obtivemos resposta”.
Este 9 de abril, continúan, “atopámonos coa publicación no DOG da Orde de 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde de viñedo de Galiza e se convocan para o ano 2025”.
Dende o Sindicato Labrego Galego sinalan que “ademais da indignación pola actitude despótica que vén condicionando a xestión da crise de excedentes nesta Denominación de Orixe por parte da Consellaría do Medio Rural, sentimos unha fonda tristeza ao confirmar que no caso da Ribeira Sacra as actuacións propostas están feitas ás presas, sen entaboar comunicación co sector e, en definitiva, sen adaptarse á realidade”.
Esta maneira de proceder, din, provocan “cada vez máis frustración e non axudan en absoluto a solucionar os problemas que temos”. De feito, alertan de que estes feitos fan presaxiar “o peor dos desenlaces”, e sinalan que “vai ser outro ano máis perdido para o viñedo da zona e, polo tanto, para as persoas viticultoras que veñen de ter que afrontar as perdas derivadas da imposibilidade de vender -ou vender a prezos de miseria- a colleita do 2024”.
En primeiro lugar, denuncian, a convocatoria publicouse este 9 de abril e o prazo remata nuns días, o 25 de abril, “cos días inhábiles da Semana Santa polo medio, e sen ningunha información previa ás produtoras nin ás entidades que imos xestionar as solicitudes”. Unha demora que consideran “inxustificable”, xa que era sabido dende fai meses que ía ter lugar. “Se se debeu ao descoñecemento por parte da CMR con respecto ao proceso, ben podían ter preguntado noutras comunidades autónomas do Estado que levan varios anos tramitando a colleita en verde. Non entendemos por que se atrasou tanto no caso galego”, expresan.
Ademais, destacan que para acceder ás axudas da colleita en verde establécese que a parcela de viñedo terá unicamente variedades de uva tinta. Porén, din, “non temos os datos de cantas parcelas teñen só variedades de uva tinta, e en moitos casos hai presenza residual de brancas, ou non tan residual”. Ademais, destacan que é preciso dispoñer da declaración da colleita da campaña vitícola, pero din, “se no ano 2024 houbo viticultores e viticultoras que malvenderon a uva a particulares ou quedou sen vendimar, descoñecemos que declaración de colleita van aportar”.
Por outra banda, a orde establece que os datos para o cálculo da compensación pola perda de ingresos vanse extraer do rendemento medio da parcela obxecto da axuda, considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres derradeiras campañas vitícolas, pero explican, “descoñecemos de onde pensa sacar a Consellaría o rendemento medio da parcela, e no caso de que sexan consideradas as dúas últimas campañas, nas que xa houbo problemas de recollida de uvas por parte das adegas, resulta obvio que os importes a conceder non van aportar un apoio acorde cos impactos económicos que sufriu o sector produtor, polo que dificilmente será unha medida que implique un reforzo tal que permita sobrevivir á denominada viticultura heroica nos termos nos que a coñecemos actualmente”.
Para o sindicato, a convocatoria realízase “para dar a impresión de que se está a facer algo, e non para tender verdadeiramente unha man ás viticultoras e viticultores”, e prevén que “será un fracaso”.
Dende o Sindicato Labrego Galego, “a fin de tentar solventar na medida en que poidamos o limitado tempo no que se vai tramitar esta axuda, así como as carencias na súa concreción” elaborarán “unha comunicación informativa que trasladamos no día de hoxe ás persoas produtoras da comarca, e que tamén difundiremos a través das nosas redes sociais”.
Ante este preocupante panorama, din, “vémonos na obriga de instar á Xunta de Galicia a abandonar a súa negativa a manter unha interlocución co sector e condenamos a súa irresponsabilidade. Solicitamos, unha vez máis, a convocatoria dunha Mesa do Viño con representación dos axentes do sector, onde podamos elaborar un plan integral de actuación para o sector vitivinícola galego que aborde as necesidades máis inminentes pero tamén actuacións a longo prazo que permitan verdadeiramente protexer a esta Denominación de Orixe”.