O Sindicato Labrego e a Deputación de Lugo pechan esta semana as xornadas sobre o futuro da viticultura na Ribeira Sacra

As xornadas “O Futuro das Persoas Viticultoras na Ribeira Sacra”, organizadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entran esta semana na súa fase final tras varias sesións iniciadas o pasado 29 de agosto en distintos puntos da comarca.
O obxectivo destas charlas e conferencias é analizar a vendima de 2025 na Ribeira Sacra e reflexionar sobre a situación e o futuro do sector vitivinícola na Denominación de Orixe. Ademais, búscase informar aos viticultores e viticultoras sobre a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria e compartir os datos recollidos polo sindicato a través do Consello Regulador e das adegas.
Hoxe, xoves 4 de setembro, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Sober acolle unha charla centrada na situación da vendima deste ano na Ribeira Sacra.
Mañá, venres 5 de setembro, ás 12:00 horas, o Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos acollerá a conferencia “Lei da Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola: contratos, prezos e incumprimentos”, a cargo de Oliva Lorenzo Grandía, traballadora do Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería de Medio Rural en Lugo. Durante esta sesión abordarase problemas como impagos, incumprimentos de prazos ou de requisitos contractuais, que seguen detectándose na Denominación de Orixe.
Para pechar o ciclo, o sábado 6 de setembro, ás 12:00 horas, celebrarase a última xornada na Casa da Cultura de Taboada.
Estas xornadas teñen como obxectivo, ademais de ofrecer información, dar voz aos profesionais do sector e recoller directamente a súa percepción sobre a situación actual da viticultura na Ribeira Sacra.