O servizo móbil de expedición e renovación do DNI e pasaporte volve a Taboada este mes

O Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) regresará a Taboada o vindeiro luns 13 de abril para facilitar a expedición e renovación do DNI e do pasaporte. O servizo estará dispoñible na Praza de Riazón en horario de 09:30 a 12:30 horas.
As persoas interesadas deberán acudir cunha fotografía de carnet actual con fondo branco. A taxa aboarase en efectivo no propio vehículo: 12 euros para o DNI e 30 euros para o pasaporte.
As persoas pertencentes a familias numerosas poderán realizar o trámite de forma gratuíta, presentando o título en vigor. Dende o consistorio lembran que o DNI pode renovarse ata seis meses antes da súa caducidade e o pasaporte ata un ano antes. Tamén se poderán renovar todos os certificados. Para inscribirse, é necesario contactar co Concello e solicitar cita previa.