O Servizo de Atención Temperá Agrupado de Quiroga acolle esta tarde unha Xornada de Portas Abertas

O Servizo de Atención Temperá agrupado de Quiroga acolle esta tarde unha Xornada de Portas Abertas que se desenvolverá de 16:00 e as 19:00 horas nas instalacións situadas na Ribeira.
Estas xornadas, nas que se convida ás familias, tanto se pertencen o servizo na actualidade como se formaron parte del nalgún momento dende a súa creación, teñen como principal obxectivo manter o espirito de comunidade entre as familias, os menores e os profesionais que forman parte do servizo que agrupa aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober.
Será unha xornada de convivencia que busca fortalecer o vínculo entre os usuarios e amosarlles ás familias que o Servizo de Atención Temperá e os seus profesionais sempre estarán á súa disposición. A xornada, explican dende o servizo, serve tamén para agradecer a confianza depositada polas familias na Dirección e no Equipo Técnico que traballa no servizo, ofrecéndolles un tempo para compartir as súas inquedanzas e dúbidas, ademais de pasar unha tarde de lecer compartido.
Durante a xornada haberá xogos e actividades dirixidas e amenizadas polos profesionais de Psicoloxia, Logopedia e Terapia Ocupacional que traballan no centro.